EMPREGO

Unha xornada amosará as posibilidades da eficiencia enerxética como nicho de emprego

01/03/2012 A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, presentou a xornada técnica Xestión enerxética como nicho de emprego, que se desenvolverá no edificio do Cersia o luns 5 de marzo. O evento coincide coa celebración nesa xornada do Día Mundial da Eficiencia Enerxética e xa conta con 94 inscritos. Colaboran co Concello na organización o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e European Quality Assurance (EQA)

Esta xornada ten o obxectivo de "dar a coñecer as enerxías renovables como nicho de emprego", indicou Paula Prado."Trátase de ofrecer alternativas e outras oportunidades en sectores emerxentes nos que ás veces, por descoñecemento, non se busca traballo", engadiu. A participación nesta xornada é gratuíta previa inscrición e os asistentes recibirán o seu certificado emitido polo Colexio de Biólogos de Galicia.

En palabras do tesoureiro desta entidade, Fernando García, a adecuada xestión enerxética incide nunha "redución de custos e na xeración de novos campos de investigación para aproveitar mellor eses recursos. É unha nova actividade económica, con períodos curtos de amortización". Neste sentido, puxo como exemplo a substitución dunha lámpada convencional por outra de baixo consumo, que xera un aforro a curto prazo. Na súa opinión, o da eficiencia enerxética é "un campo de traballo en expansión que require persoal cualificado".

O responsable de EQUA, Javier López, incidiu nesta última idea, destacando a ampla variedade de orientacións profesionais dos inscritos na xornada técnica. Entre os 94 xa apuntados hai empresarios, estudantes ou desempregados que "ven neste sector unha oportunidade de traballo e de negocio", afirmou.

Programa
A xornada técnica Xestión enerxética como nicho de emprego comezará ás 15:30 horas. Tras a presentación, a primeira das conferencias xirará en torno ao Impacto socioeconómico do sector da eficiencia enerxética en España, a cargo de Rosario Mañas, asociada de Garrigues Medio Ambiente.

A continuación intervirá a xefa da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do INEGA, Paula Uría, quen falará sobre Eficiencia enerxética en Galicia: estado actual e instrumentos de promoción. A terceira das charlas impartiraa o director técnico de Kurage Consulting S.L e versará sobre Auditoría enerxética como ferramenta de xestión. Finalmente, falará o director técnico de EQA, Emilio Luján, nunha sesión titulada Requisitos de certificación. ISO 50001. Explicacións da norma.

Documentos relacionados



Compartir: