CULTURA

Chega ao Auditorio de Galicia "Nya. Díptico para 9 bailaríns", coreografiada polo prestixioso Abou Lagraa

02/03/2012 O Ballet Contemporáneo de Arxel estará o sábado 3 de marzo en Compostela para poñer sobre o escenario Nya. Díptico para 9 bailaríns. A obra, producida pola compañía A Baraka, toma o Bolero de Ravel e Cantos de Houria Aïchi nunha versión dirixida e coreografiada polo prestixioso Abou Lagraa. Será no Auditorio de Galicia a partir das 21:00 horas.

O espectáculo Nya é o primeiro froito que deu unha árbore chamada Ponte Cultural Mediterráneo. As súas raíces remóntanse a xullo de 2009, cando Abou Lagraa coreografiou o espectáculo de clausura do II Festival Panafricano de Alxer. De aí xurdiu a idea dunha Ponte, concibida como un programa trienal de cooperación alxerino-francesa a favor da arte coreográfica. Esa idea puido ver a luz grazas ao Ministerio de Cultura alxerino. Hoxe reúne a varios colaboradores: O Ballet Nacional Alxerino, a Axencia Alxerina para a Proxección Cultural e, evidentemente, a compañía A Baraka, creada en 1998 en Lyon por Abou Lagraa, así como os seus patrocinadores, o Consello da Creación Artística, a Fundación BNP Paribas, o Consello Xeral do Departamento de Ródano e o de Ardèche e a Comunidade de Municipios da Conca de Annonay.

A Ponte Cultural busca a creación dunha unidade de danza contemporánea no seo do Ballet Nacional Alxerino, con polos de formación e creación, fomentar os intercambios de obras coreográficas e apoiar a profesionalización dos bailaríns alxerinos. A iniciativa baséase antes que todo na formación. En xaneiro de 2009, un gran concurso reuniu en Alxeria a preto de 400 candidatos, oriúndos de todas as rexións, para seleccionar a dez bailaríns. Son eses novos talentos alxerinos os que interpretan a día de hoxe Nya despois de recibir unha formación de danza clásica e contemporánea, así como unha iniciación ao Ioga.

Abou Lagraa
Nacido en Annonay o 22 de decembro de 1970 e de pais alxerinos, Abou Lagraa empeza a practicar a danza aos 16 anos na súa cidade natal antes de ingresar no Conservatorio Nacional Superior de Música e Danza de Lyon, no que traballa con numerosos coreógrafos invitados. En 2009, o International Movimentos Dance Prize outórgalle a Abou Lagraa o Premio do Mellor Bailarín Internacional 2009. É en 1997 cando funda a súa compañía, A Baraka. Con ela crea 12 pezas que viraron amplamente non só sobre os escenarios nacionais e europeos, senón tamén en Estados Unidos, en Alxeria, en Tunes e en Indonesia.

Dende 2008, Abou Lagraa e a compañía A Baraka traballan na elaboración dunha Ponte Cultural Mediterráneo, en colaboración co Ministerio de Cultura alxerino: proxecto franco-alxerino de cooperación para o desenvolvemento de intercambios artísticos a favor da danza. Xa dende 2010, créase un programa de formación, creación e intercambios, no que o primeiro curso permite a creación de Nya, Díptico para 9 bailaríns, que poderemos ver na nosa cidade.

As entradas, a 10 euros, poden mercarse en Novagaliciabanco, na billeteira do Teatro Principal (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) e o propio día do espectáculo na billeteira do Auditorio, a partir das 21:00 horas.

Compartir: