CENTROS SOCIOCULTURAIS

Máis de 80 actividades para celebrar o Entroido nos centros socioculturais

10/02/2012 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou a programación básica dos centros e locais socioculturais, que levará un amplo programa de actividades e servizos a todos os barrios e parroquias de Santiago. Ademais, deu conta das actividades previstas para este Entroido.

Son máis de 80 actividades as programadas nos centros e locais socioculturais ata o 25 de febreiro, todas elas de balde. Nesta ocasión, prestarase unha especial atención ás parroquias de Aríns, Marrozos e O Eixo, que este ano se suman ao outros concellos da comarca na celebración dos Xenerais da Ulla.

Este programa de Entroido pon o acento no traballo de animación dende os propios centros e locais para a composición dun grupo propio que participe nos desfiles do martes e mércores de Entroido. Están previstos obradoiros diversos (maquillaxe, cociña, máscaras...) e sobremesas (mostras, concursos, degustacións, faladoiros...). Ademais, a través dun blog vanse recoller as receitas dos composteláns para este tempo de Entroido.

Actividades para todos
En canto á programación básica dos centros socioculturais, Francisco Noya explicou que se destinan 110.000 euros á mesma neste primeiro semestre de 2012. Nesta cifra non están incluídos os programas estacionais que de desenvolven ao longo do ano, como pode ser este do Entroido e outros como o do Verán ou o do Nadal. Tampouco se reflicten neste montante o custo das 90 persoas que neste momento están traballando na rede sociocultural, que o coordinador da mesma, Enrique Vázquez, cifrou nuns 70.000 euros mensuais.

A programación xeral, que intenta recoller as demandas de cursos e actividades que formulan as asociacións veciñais de cada zona, está recollida en seis folletos, que se poden consultar tamén na web da rede de Centros Socioculturais. Un deles contén de xeito específico todo o calendario de actividades do rural.

O concelleiro aproveitou a rolda de prensa para avanzar algunhas actividades que se porán en marcha en breve. Entre elas destacou a recuperación dos bailes de maiores e tamén de rotas de sendeirismo e excursións. Ademais, anunciou que se está a traballar nunha colaboración coa Universidade de Santiago para que alumnos de Erasmus poidan impartir clases de idiomas nos centros socioculturais.

Outro dos programas máis ambiciosos do Departamento para este ano é un dedicado ao cine. Contará con proxeccións, cinefórum e outras actividades, que se desenvolverán no futuro Centro Sociocultural de Santa Marta. O programa será presentado nunha rolda específica.

Compartir: