DEPORTES

Avanzan os preparativos do partido de fútbol feminino entre España e Austria

07/02/2012 Os preparativos para a cita co fútbol internacional feminino que terá lugar o 15 de febreiro no Estadio Municipal de San Lázaro continúan a bo ritmo. O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, desprazouse na tarde do luns á Delegación Local de Fútbol para asistir a unha xuntanza coa Comisión de Fútbol Feminino da Federación Galega de Fútbol, na que se avanzaron cuestión operativas e organizativas en relación ao encontro entre España e Austria.

Nesta reunión abordouse con maior detalle o papel que deben asumir os clubs galegos cara este partido de seleccións nacionais. Entre as súas encomendas están as de colaborar na promoción do evento, contribuír á venda de localidades entre os seus membros e animar especialmente ao colectivo de nenos e nenas que practican este deporte.

Nesta ocasión, os clubs de fútbol de Santiago asumen un maior protagonismo e implicación na cita deportiva. Máis de dez clubs da cidade xa recolleron nas oficinas do Departamento de Deportes entradas da zona de preferencia para colaborar na venda de billetes entre os seus socios.

Compartir: