CULTURA

Seis monologuistas no novo ciclo da Concellería de Cultura: "Falabaratos. Monólogos, contos e outros shows"

07/02/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia presentou un novo ciclo da Concellería de Cultura: Falabaratos. Monólogos, contos e outros shows. Dentro deste ciclo seis monologuistas de primeira liña ofrecerán os seus últimos espectáculos no Teatro Principal: David Amor, Quico Cadaval, Sergio Pazos, Leo Bassi, Luis Piedrahita e Godoy. As citas con estes humoristas serán de febreiro a xuño, sempre no Teatro Principal, ás 21:00 horas.

O ciclo comeza os días 14 e 15 de febreiro con David Amor, que nos presenta o seu espectáculo Fuera de sitio. Amor, galego que comezou no 2001 na TVG, na actualidade percorre os teatros de España demostrando que sabe algo máis que contar chistes. Fuera de sitio cóntanos a súa experiencia persoal en clave de humor e as entradas para asistir ao espectáculo son de 6 euros.

Xa en marzo, o día 9, chega ao Principal Quico Cadaval con Zona portuaria. Este contador de historias, director de escena e dramaturgo é máis que coñecido na nosa cidade. En Zona portuaria, que ten unha entrada de 6 euros, Cadaval traslada aos públicos dos catro continentes as historias da súa terra natal para comprobar se son universais. Tamén en marzo, os días 22 e 23, teremos a outro humorista galego, Sergio Pazos, que nos presenta Se galego, my friend. Cunha entrada de 6 euros poderemos gozar deste espectáculo, no que Pazos nos demostra que os galegos somos uns seres moi curiosos.

O 10 de abril é a cita con Leo Bassi e o seu espectáculo The best of… que ten un prezo de 12 euros (8 euros no anfiteatro). Bassi, amado ou odiado polo bufón que é, repasará o mellor da súa carreira nun espectáculo no que poderemos gozar dos mellores e mais famosos e divertidos sketchs de Bassi sobre as relixións, a banca, a dereita, o capitalismo... E en abril tamén, os días 25 e 26, chegará a Compostela Luis Piedrahita con El castellano es un idioma loable, lo hable quien lo hable. Os prezos nesta ocasión son de 18 euros en butaca, platea e primeira planta; 15 euros na segunda planta; e 12 euros no anfiteatro. Piedrahita xoga neste show coas palabras, coas súas e cos do público, improvisando coas súas suxestións e deixándolles participar.

Pecha o ciclo o 8 de xuño Godoy con Verás que todo es mentira. As entradas teñen un prezo de 12 euros en butaca, platea e primeira planta; 10 euros na segunda planta; e 8 euros no anfiteatro. Este humorista, colaborador de Andreu Buenafuente, convenceranos de que todo é mentira e convidaranos a mentir xa que, asegura, é boísimo para a nosa saúde mental.

As entradas poden mercarse en Novagaliciabanco e nas billeteiras da Concellería, no Teatro Principal, de martes a sábado, de 18:00 a 21:00 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: