PLENO

Visto bo da Corporación municipal á ordenanza que eximirá da licenza de apertura a determinados establecementos

28/04/2011 A Corporación municipal, reunida na sesión ordinaria de abril do Pleno, aprobou inicialmente a ordenanza que regulará a tramitación de actividades. En virtude desta nova norma, determinados establecementos non precisarán de licenza de apertura. Esta será substituída por unha comunicación previa ou unha declaración responsable, dependendo dos casos, axilizando de forma considerable a tramitación.

A ordenanza clasifica as actividades en tres tipos, establecendo os supostos nos que se poderá desenvolver unha actividade ou prestar un servizo en réxime de comunicación previa ou declaración responsable, e tamén aqueles supostos nos que se mantén a necesidade de obter unha licenza previa ou autorización municipal, xustificándose, neste caso, cal é o interese público que determina dita necesidade, ben sexa por cuestións relativas á protección do medio ambiente, ou do patrimonio histórico-artístico, a seguridade ou a saúde públicas, ou que impliquen o uso privativo e a ocupación dos bens de dominio público. No caso das dúas primeiras, as actividades non quedan exentas de solicitar a licenza de obras, si estas son de carácter maior.

Así, tendo en conta estes criterios, inclúense nas actividades sometidas ao trámite de comunicación previa ou de declaración responsable aquelas que polo seu carácter inocuo non se estima poidan afectar algún dos bens protexidos como o medio ambiente, o patrimonio histórico, a seguridade ou a saúde pública.

Comunicación previa
Estarán sometidas ao trámite de comunicación previa as seguintes actividades: actividades de carácter non mercantil ou industrial das que sexan titulares os órganos da Administración pública; postos da praza de abastos ou mercados municipais, agás aquelas actividades suxeitas a licenza de apertura ou autorización previa; antenas de telefonía ou semellantes, agás as situadas no ámbito de aplicación do Plan especial 1, en inmobles catalogados polo Plan xeral de ordenación municipal ou en ámbitos suxeitos á previa autorización da administración competente en materia de protección do patrimonio histórico-artístico; locais comerciais ou de servizos cunha superficie construída menor de 100 metros cadrados; academias de ensino ata 150 metros cadrados de superficie construída, agás academias de baile, música ou canto; centros destinados ao culto relixioso; actividades profesionais que se desenvolvan en locais ou establecementos que non excedan de 150 metros cadrados de superficie construída; oficinas ou locais pertencentes a entidades sen ánimo de lucro, sempre que non desenvolvan actividades mercantís ou industriais; pensións dunha, dúas e tres estrelas; garaxes de uso privado non autorizados coa licenza de edificación con capacidade inferior a cinco prazas e unha superficie que non supere os 100 metros cadrados; aparcadoiros e exposición de vehículos ao aire libre sen límite de prazas nin superficie; cambios de titularidade.

Nestes casos, a licenza será substituída por unha comunicación previa, que se traduce en realidade en que o propietario deberá comunicar a apertura nun prazo de 15 días, para que o Concello proceda á inspección.

Declaración responsable
Noutro tipo de establecementos o requisito será unha declaración responsable. Serán: locais comercias ou de servizos entre 100 e 400 metros cadrados de superficie e 15 Kw de potencia mecánica instalada; despachos profesionais de máis de 150 metros cadrados ata 400 de superficie e 15 Kw de potencia mecánica instalada; establecementos hoteleiros ata 25 prazas sen cafetería ou restaurante; centros docentes, centros de educación infantil, primaria e secundaria, agás os centros incluídos no Decreto 329/2005 da Xunta de Galicia.

Aqueles centros docentes que dispoñan de instalacións tales como cociñas, piscinas, depósitos de combustible, etc, que requiran licenza de actividade ou de apertura deberán proceder a formalizar a correspondente solicitude; actividades industriais, talleres artesanais e similares, cunha Qs igual ou menor a 42 MJ/m2 e una superficie útil menor ou igual a 60metros cadrados; actividades de almacenamento de obxectos e materiais sempre que a súa superficie sexa menor de 500m2 e a súa Qs sexa menor de 425 MJ/metro cadrado, agás as de produtos químicos ou farmacéuticos, combustibles, lubricantes, fertilizantes, praguicidas, herbicidas, pinturas, vernices, ceras ou pneumáticos; actividades de almacenamento de produtos petrolíferos, químicos con recipientes de presión ou con produtos químicos que non necesiten proxecto técnico segundo a normativa específica de aplicación; centros de diagnóstico e laboratorios de análises clínicas sen manipulación de produtos inflamables nin contaminantes; e actividades agropecuarias relacionadas no anexo III do Decreto 133/2008. As excluídas destes dous ámbitos deberán seguir solicitando a pertinente licenza de apertura.

O proxecto de ordenanza será sometido agora a información pública e audiencia dos interesados polo prazo mínimo de 30 días para a presentación de reclamacións e suxestións.

Regulación dos servizos extraescolares
A Corporación tamén aprobou, cos votos favorables do grupo de Goberno e o negativo do PP unha proposición presentada polos socialistas relativa aos servizos de madrugadores, comedores e actividades extraescolares nos centros públicos. Insta á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a que "tome as decisións oportunas dirixidas a asumir e regular estes servizos a través das modalidades que prestación que considere oportuno".

Na proposición incluíuse unha emenda do BNG na que se engade que esas medidas se adopten "antes do inicio do curso 2011- 2012, garantindo, como mínimo, o mantemento das prazas que existen na actualidade".

Mocións
No capítulo de mocións, aprobouse por unanimidade unha presentada polo BNG instando á Xunta a "dotar ao Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela dos recursos materiais e humanos necesarios para desenvolver con normalidade o seu labor docente". Para isto, considérase que a Consellería de Educación deberá "comezar os trámites necesarios para ampliar o edificio actual" e "dotar ao centro, con carácter de urxencia, do persoal subalterno e administrativo necesario".

A proposta neste caso do PP, deuse o visto bo tamén por unanimidade a unha moción na que se solicitaba dedicar unha rúa da cidade a Jesús Precedo Lafuente.

Novo concelleiro
Esta sesión ordinaria foi a primeira á que asistiu como membro da Corporación o novo concelleiro do PP Jorge Padilla, quen ocupa o lugar deixado por Ángel Espadas, quen presentara a súa renuncia no anterior Pleno.

Compartir: