CULTURA

SCQ Danza trae "Habelas", de Traspediante

28/04/2011 O ciclo SCQ Danza, que organiza a Concellería de Cultura, ten unha nova cita no calendario o venres 28 de abril. Nesta ocasión trátase de Traspediante co seu espectáculo Habelas, unha coreografía de Begoña Cuquejo e Marta Alonso dirixida pola propia Begoña Cuquejo.

Habelas é o cuarto dos espectáculos que a Concellería ofrece este semestre dentro do programa SCQ Danza, dedicado á danza contemporánea. A pesar da crise e das reducións orzamentarias, SCQ Danza mantén a calidade e mesmo incrementa a oferta de espectáculos con respecto ao ano anterior.

O público compostelán poderá gozar coa compañía Traspediante, un colectivo de arte escénica que suma proxectos docentes (Aula de Danza na Universidade), comerciais (para a Xunta de Galicia, Se paras na praia separa) e escénicos (obras de teatro, danza in-situ). Como compañía de danza contemporánea, traballa na busca dunha linguaxe expresiva que conxugue as traxectorias formativas e profesionais dos seus integrantes, Begoña Cuquejo e Marta Alonso, nas que se entrelazan a psicoloxía (carreira na que ambas están licenciadas) e a danza.

Comezan a traballar en 2008 definindo ata agora o seu interese pola utilización do "que xa está aí", resaltando e amplificando o valor expresivo do movemento natural ao convertelo no centro de atención. Traspediante é ademais un lugar de encontro con outros artistas, como por exemplo os músicos Ariel Ninas ou Madamme Cell, David Creus, ou Estevo Creus e Paulina Funes, estes últimos influíndo enormemente na dirección estética, artística e filosófica que vai conformando a identidade desta compañía.

A peza que presentan, Habelas, é unha peza escénica multidisciplinar con música en directo, danza contemporánea, audiovisual e maxia. Estreouse en Cambados no 2010 e ten unha duración de 45 minutos.

Varios espectáculos de danza contemporánea
SCQ danza leva achegado a Compostela figuras internacionais consolidadas da danza e as propostas coreográficas máis anovadoras que procuran fomentar o gusto pola arte en movemento dos composteláns, ademais de promover e dar pulo ás compañías coreográficas do noso país. A compañía Mopa inaugurou esta edición do ciclo o 18 de febreiro. Logo de Traspediante, maio será o mes de Slovaks Dance Collective, unha das poucas compañías profesionalizadas de Eslovaquia, que conta con seis membros da mesma familia. Chegan a Compostela grazas a un acordo entre diferentes programadores españois e traen dous espectáculos no peto: Within (Dentro, o 4 de maio) e Journey Home (Viaxe a casa, o 5 de maio).

Compartir: