CONSORCIO

Autocares Mosquera formaliza o seu apoio ao 800 Aniversario da Catedral de Santiago

28/04/2011 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o administrador de Autocares Mosquera, Leandro Mosquera, asinaron o acordo polo cal a empresa transportista pasa a ser patrocinadora do 800 Aniversario da Catedral de Santiago. Neste sentido, Mosquera colaborará nos diferentes actos programados con motivo da efeméride e no plan de obras de restauración que se realizarán na Catedral e que están contempladas no seu Plan Director.

O oitavo centenario da Catedral de Santiago de Compostela é un evento recoñecido como de excepcional interese público polo Goberno de España e xestionado dende o Consorcio de Santiago, que lidera deste xeito o programa de apoio ao evento. Este programa de apoio concrétase nunha serie e incentivos e bonificacións fiscais que se aplican ás empresas e entidades privadas que participan como patrocinadores no desenvolvemento da conmemoración, que xirará sobre dous eixes: o financiamento de obras de restauración contempladas no Plan Director da Catedral e unha programación cultural específica. Trátase polo tanto dun programa que aposta pola acción cultural no patrimonio.

Segundo este acordo, a empresa Autocares Mosquera, participará, xunto a outras empresas, como patrocinadora, contribuíndo así á difusión e promoción do evento.

Autocares Mosquera
Mosquera é unha empresa de transportes que leva máis de 70 anos no negocio do transporte de viaxeiros por estrada. A empresa, radicada en Santiago de Compostela e Vila de Cruces (Pontevedra), conta cunha flota de 33 vehículos e realiza servizos tanto regulares como discrecionais. Foi a mediados dos anos 40 cando José Benito e Leandro Mosquera, ambos os naturais do Carballiño, se instalaron na localidade de Vila de Cruces e comezaron a prestar servizos de transporte de viaxeiros, naquel entón cun Dodge mixto con capacidade para 20 persoas e varias reses. Nos primeiros anos, a empresa dedicou os seus esforzos a cubrir as necesidades de mobilidade a feiras, pero pronto apostaron polo traslado de viaxeiros que realizaban con camións transformados en autobuses.

A etapa de modernización da compañía comezou na década dos 60, cando José Manuel "Lolo" Mosquera, un dos fillos dos fundadores, adquiriu varios autocares e iniciou un proceso de diversificación das súas actividades tras conseguir varios contratos para cubrir liñas de transporte escolar e de traballadores. Así foi como no ano 1965 chegou a compra do primeiro autocar novo, un Pegaso Comet de 50 prazas no que investiron 950.000 pesetas.

Nos anos 70 e 80 continuou a ampliación do negocio, ata que en 1985 Leandro "Kiko" Mosquera tomou a decisión de trasladarse a Santiago de Compostela, onde realizaba servizos de transporte escolar. A boa marcha do negocio na capital galega motivou á familia para inaugurar unha sede no Polígono de Tambre que inclúe 1.000 metros cadrados de oficinas, talleres e un garaxe para os vehículos. En 2002, créase o grupo As Rías, que se converteu en referente do sector.

Na actualidade, Autocares Mosquera presta servizos de transporte escolar en Santiago de Compostela, Vila de Cruces, Arzúa, Touro, Boqueixón e Lalín. Respecto ao transporte regular, xestionan dende o ano 2005 a liña 7 do transporte urbano de Santiago, que conecta o centro cos barrios de Sar, Aríns e Fornás. Tamén presta servizos regulares en Santiago de Compostela, Touro, Boqueixón, Vila de Cruces e Lalín. Ademais, Autocares Mosquera é a empresa encargada do servizo do Tren Turístico de Santiago de Compostela dende o ano 2007.

Unha das características da compañía é a súa continua aposta pola calidade. Foi a primeira empresa compostelá do sector que conseguiu a certificación ISO 9001:2000. Ademais, dispón da distinción de calidade turística outorgada polo Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (Sicted).

Compartir: