MEDIO AMBIENTE E SERVIZOS

Nova convocatoria de solicitude de composteiros para os fogares composteláns

28/04/2011 O Concello de Santiago abre unha nova convocatoria para aqueles veciños que queiran facer uso dos composteiros para reciclar como abono o seu lixo orgánico. Repartiranse uns 50 recipientes, sumándose aos máis de 500 que xa foron repartidos nos fogares composteláns dende que se puxera en marcha a iniciativa en 2003.

As concelleiras de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, e de Servizos, Marta Álvarez-Santullano, explicaron os detalles desta convocatoria, aberta do 2 ao 12 de maio. Os interesados deberán presentar no Rexistro a súa solicitude, cuxo impreso poderán descargar desta páxina web municipal ou dende a da Compostela Viva. Elixiranse os beneficiarios por rigorosa orde de solicitude.

Cando o Concello apostou por esta iniciativa, alá por 2003, só a Illa de Arouse contaba con algo parecido. Hoxe, no municipio xa se repartiron máis de 500 composteiros, sendo Santiago a cidade galega que máis recipientes deste tipo ten distribuídos, segundo recordou Elvira Cienfuegos. O único requisito dos fogares para optar a estes composteiros: ter un pequeno espazo de horta ou xardín.

Tamén falou da utilidade e comodidade destes recipientes, construídos en plástico reciclado e cunha capacidade para 320 litros. "Arredor dun 50% do lixo que xeramos nos fogares é materia orgánica", dixo, resaltando que a compostaxe é "un método sinxelo de transformar os residuos orgánicos en compost, que incorporado aos solos mellora a súa estrutura física e as súas propiedades químicas e microbiolóxicas , e xa que logo, a súa fertilidade".

As persoas depositarias dos composteiros serán as encargadas do seu uso axeitado e deberán facilitar o acceso a eles do persoal municipal e dos educadores de Adega. Segundo explicou Lucía Parente en representación desta Asociación, realizarase unha primeira charla con todos os adxudicatarios, na que se lles explicará o funcionamento do composteiro e se lles entregará un manual sobre a elaboración do compost. Logo farase unha segunda visita aos dous ou tres meses, e outra aos seis meses, cando o abono xa estará formado e en condicións de ser utilizado como abono.

Documentos relacionados



Compartir: