INFRAESTRUTURAS

Un elevador salvará as barreiras arquitectónicas para os peóns na Almáciga

28/04/2011 As rúas de Touro e do Pino, no barrio da Almáciga, estarán conectadas coa praza de Camilo Díaz Baliño a través dun elevador. Este proxecto, incluído na iniciativa Urbana Santiago Norte, financiada con fondos FEDER, permitirá salvar as barreiras para os peóns nesta parte da cidade.

O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, presentou este proxecto de elevador, elixido finalmente entre as opcións baralladas tras as conversas cos propios veciños do barrio. O ascensor, acristalado e luminoso, estará rematado na parte inferior (praza de Camilo Díaz Baliño) por unha marquesiña que permitirá resgardarse da choiva. Na parte superior, conectará coas rúas do Pino e de Touro a través dunha pasarela tamén cuberta. A instalación deste elevador complementarase coa reurbanización da parte afectada destas rúas, actualmente destinada a estacionamento.

O elevador, construído na súa base en aceiro e incrustado en parte na rocha, terá instalada unha cámara de videovixilancia conectada coa Policía Local. Pecharase a unha hora determinada da noite. A súa capacidade é de oito persoas á vez. O orzamento deste proxecto é de 698.000 euros.

Compartir: