CULTURA

Marful regresa co seu "Manual de Sedución"

28/04/2011 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, e os catro membros de Marful presentaron no Concello o concerto que a banda dará o sábado 30 de abril no Auditorio. Será ás 22:00 horas e nel Marful presenta en Compostela o seu último traballo Manual de Sedución.

Presentaron este novo disco en outono na Coruña e no Porto e esgotaron a primeira edición ao mes de se presentar. Había expectación logo do primeiro, e logo de catro anos de espera por este segundo traballo. Por iso, este Manual de sedución, cheo de preguntas e certezas, de portas entreabertas, cheo de cor e de ritmo gustou tanto. E a xente viu, ouviu, mercou e a segunda edición esgotouse aos seis meses. E van pola terceira. Eles calaron neste inverno, pero o Manual seguiu entrando nos fogares de miles de ouvintes.

Agora Marful volve na primavera para presentar ao vivo o Manual de Sedución en Santiago de Compostela, a súa cidade de andanzas e xuntanzas. Será no Auditorio de Galicia, o punto de partida do seu primeiro disco.

Con este concerto, a banda arrinca a xira de verán que comeza a agromar en moitas cidades do país. Marful estarán en Carballo, Lugo, Ribadavia, Celanova, Sada, Narón... E estenderán as súas técnicas de sedución a Viana do Castelo, Xixón e moitas máis.

Marful está composto por Ugía Pedreira (voz), Marcos Teira (guitarra), Pedro Pascual (acordeón diatónico), e Pablo Pascual (clarinete baixo). A eles súmanse nesta xira Xacobe Martínez (contrabaixo) e LAR Legido (batería), de Sumrá.

Manual de Sedución foi gravado nos Estudios Savik Sound de Caritel (Pontevedra) e contou coa colaboración de Xacobe Martínez (contrabaixo), LAR Legido (batería e percusións), David Herrington (trompeta, fliscorno), Diego Galaz (violino), Alejandro Vargas (piano), José Manuel Díaz (contrabaixo), Alfredo Rodríguez de Factoria Teatro (narración), Paulo Gacio (frauta traveseira), Quim Farinha (violín) e Germán Díaz (serra). O técnico de son foi José Trincado.

As entradas están xa á venta en www.caixagalicia.es ou no 902 434 443 a un prezo único de 12 euros.

Compartir: