CONSORCIO

A Catedral será a protagonista da quinta edición do Compostela Organum Festival

27/04/2011 A quinta edición do Compostela Organum Festival, organizado polo Consorcio da Cidade de Santiago, regresa un ano máis, nesta ocasión da man do programa do 800 Aniversario da Catedral de Santiago. Unha vez rematado o Festival de Músicas Contemplativas, as igrexas do casco vello compostelán volverán ser escenario de concertos, esta vez cos seus órganos como protagonistas.

O Compostela Organum Festival vaise celebrar repartido en tres ciclos: primavera (en maio), verán (en agosto) e outono (en outubro). Realizarase ao longo de todo o mes de maio, ofrecendo cinco concertos en diversas igrexas da cidade. Entre estes concertos, dous programáronse en relación ao aniversario da bendición da Catedral de Santiago. Un terá lugar o 1 de maio na propia Catedral, con obras de Manuel Cela, e outro realizarase o 21 de maio, con música medieval sobre a temática da peregrinación.

O ciclo de primavera arrincará precisamente na Catedral, o 1 de maio, cun recital de órgano a cargo de Loreto Aramendi, organista da basílica Santa María de San Sebastián, cuxo programa se centrará no Primeiro Libro de Órgano de Manuel Cela, coa participación do coro da Capela da Catedral.

A segunda actuación está programada para o 7 de maio, na igrexa da Universidade, co organista Bruno Forst e solistas da capela de Extravagantes, que proporán un repertorio de música ibérica, mesturando o órgano, a voz e instrumentos de percusión.

O sábado 14, a igrexa das Ánimas acollerá catro solistas da Real Filharmonía de Galicia, que actuarán co organista e compositor galego Fernando Buide, estreando unha obra especialmente escrita para a ocasión.

Continuando co previsto, o día 21, David López Peláez e o coro Francisco de Montanos, de Valladolid, proporán na igrexa da Universidade un concerto de música medieval ao redor do Libro Vermell de Montserrat, outro importante lugar de peregrinación na Península Ibérica. Concluirase o ciclo de primavera, o domingo 29 de maio na igrexa das Ánimas coa actuación do Ensamble Alamire, agrupación que une o órgano, o sacabuche (predecesor do noso moderno trombón) e a percusión nun programa titulado Tres Séculos de Música para Ministriles. O festival continuará en agosto con seis novos concertos, entre o 23 e o 28 de agosto, e en outubro, cos catro últimos concertos.

Como complemento, editouse unha pequena guía con información de cada un dos concertos e con fotografías actualizadas dos órganos históricos de Santiago, realizadas polo fotógrafo compostelán Fuco Reyes.

Grazas a esta iniciativa cultural prodúcese a revitalización dun instrumento intimamente vinculado ás igrexas coma é o órgano, de forte presenza musical e nos que se unen escultura e pintura con elementos propiamente sonoros, o que fai deles auténticas pezas de arte con entidade propia no conxunto arquitectónico ao que pertencen. Neste sentido, trátase tamén dun proceso de concienciación para facer uso deles tanto na vida litúrxica coma no ensino ou no disfrute do público. Sen ser alleos a esta concienciación, nos últimos anos levouse a cabo un importante labor de restauración e recuperación dos órganos da cidade, como os de San Paio, San Miguel ou as Ánimas.

A tradición organística de Santiago de Compostela ven de lonxe, con nomes tan importantes como os fabricantes Baltasar Machado, Manuel de la Viña, Alberto de la Peña ou Mariano Tafall.

Documentos relacionados



Compartir: