PARTICIPACIÓN CIDADÁ

O Concello e Santiago Centro programan actuacións e agasallos para incentivar o comercio do Ensanche na primavera

26/04/2011 A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, e o presidente da Fundación Santiago Centro, José María Fernández, presentaron a campaña "Divírtete mercando!! De compras e algo máis...participa na primavera do Ensanche", que ten como obxectivo fomentar a compra nos comercios da zona centro da cidade programando unha serie de actividades paralelas.

A partir do venres 29 de abril, a concellería de Participación Cidadá en colaboración coa Fundación Santiago Centro pon en marcha unha serie de actuacións na zona do Ensanche co obxectivo de dinamizar unha área que, segundo José María Fernández, presidente da Fundación, pasa moitas veces desapercibida para turistas e composteláns. Así, o propio venres 29 o Coro da Rá actuará na república do Salvador, o sábado 30 o escenario trasládase ao parque de Ramírez onde estarán Os 7 magníficos máis 1, que farán as delicias dos máis pequenos; xa en maio, o día 6 teremos ocasión de ver a Turnes-Legido-García Trío na rúa Ramón Cabanillas e ao día seguinte, Najla e Héctor estarán en Xeneral Pardiñas. As actuacións péchanse o 14 de maio con Sergi Tannus Trío na praza Roxa. Todos os actos serán as 7 da tarde, excepto o programado para o sábado 30, que terá lugar as 12.30 do mediodía.

Todos os que se acheguen ata estas actuacións recibirán unha carta que se poderá selar nos máis de 100 comercios participantes nesta campaña. Con catro selos, cada un conséguese cunha compra superior a 20 euros, en catro estabelecementos distintos obterase un agasallo directo, que se poderá recoller na oficina de Santiago Centro entre os días 2 e 20 de maio en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30. Así mesmo, e dentro desta campaña de fomento do comercio, algunhas tendas ofrecerán descontos especiais.

Compartir: