CONSORCIO

O Consorcio aproba axudas para a Casa da Troia e para a rehabilitación de vivendas da Cidade Histórica por máis de 50.000 euros

20/04/2011 O Alcalde e Presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu hoxe a Comisión Executiva do organismo interadministrativo. Na reunión aprobáronse axudas á rehabilitación e mantemento de vivendas na Cidade Histórica de Santiago por importe de 23.851 euros, relativos aos diferentes programas de recuperación urbana desenvolvidos dende o Consorcio de Santiago: rehabilitación de vivendas e locais comerciais, rehabilitación de elementos singulares de madeira e programa de mantemento "Ter é manter".

Tamén se aprobou un orzamento de 30.000 euros destinado a realizar traballos de mantemento e conservación no edificio da Casa da Troia, que afectarán principalmente á cuberta desta Casa-Museo.

Así mesmo, deuse o visto bo ao programa docente do próximo curso da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, xestionada polo Consorcio de Santiago e estreitamente vinculada á Real Filharmonía de Galicia. Neste sentido, nos próximos días abrirase o prazo de inscrición do Curso Avanzado de Práctica Orquestral, que vai colocar a Escola de Altos Estudos Musicais ao nivel doutras institucións docentes europeas. O obxectivo e formar a futuros profesionais da música clásica aproveitando o potencial pedagóxico da Real Filharmonía de Galicia e dos seus músicos. O curso complétase con docencia relativa a outras áreas, de capital importancia no panorama musical actual e relacionada co aspecto laboral, técnica e saúde, a través de clases maxistrais e prácticas na actividade ordinaria da Real Filharmonía de Galicia.

As clases maxistrais serán impartidas por recoñecidos músicos, procedentes das mellores orquestras europeas, tales como os frautistas Davide Formisano e Jean Claude Gerard, os oboístas Martínez Caballer e Stefan Schilli, os clarinetes Wenzel Fuchs e Alessandro Carbonare, o trompa Eric Terwilliger, o trompeta Bo Nilson, os violinistas Alexandre Brussilovsky e Jean-Jacques Kantorow, os violonchelistas Enrico Dindo e Johannes Moser, o viola Jürgen Kussmaul, o contrabaixo Ernst Weissensteiner ou o timbal Rainer Seegers, entre outros.

Tamén se impartirán contidos teórico-prácticos aplicados á práctica instrumental e ao coñecemento do mundo profesional: cultura musical, estamentos musicais profesionais, temática vinculada ao ámbito profe¬sional (axencias de contratación, xestión orquestral, xestión administrati¬va), música e saúde (técnica Alexander, técnicas de relaxación e de rendemento no estudo) e técnicas de gravación.

Compartir: