NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A concelleira de Normalización Lingüística chama á participación cidadá nos actos de celebración das Letras Galegas

20/04/2011 Guadalupe Rodríguez, concelleira de Normalización Lingüstica e Participación Cidadá, presentou en rolda de prensa un avance dos actos programados polos departamentos que dirixe con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. As actividades centrais terán lugar o 17 de maio pero haberá máis ao longo de todo o mes.

Como novidade a edila salientou a celebración do xogo de toponimia ATOPANDO COMPOSTELA no que está previsto que participen máis de 200 persoas. Guadalupe
Rodríguez anima a todos os cidadáns e cidadás de Santiago a coñecer a toponomia do concello participando neste animado xogo realizado pola Concellería de Normalización Lingüística para os escolares de secundaria e que agora se bota á rúa para que poida participar nel todo aquel que queira. Será o día 17 de maio a partir das 6 da tarde na praza da Quintana, que se convertirá por unhas horas nun taboleiro xigante. Todos os que participen recibirán como agasallo un libro de Lois Pereiro, o autor homenaxeado este ano.

O 17 de maio comezará cun "bookcrossing" ou solta de libros na Alameda e continuará cun concerto da Banda Municipal de Música e a lectura de textos de Lois Pereiro a cargo dos rapaces e rapazas da escola de danza de Cantigas e Agarimos na praza do Toural.

Pola tarde, actuacións de música tradicional na Quintana, o mencionado xogo de toponomia e ao remate do mesmo, actuación do Coro da Ra a modo de fin de festa. O acto que pechará o día 17 será a representación no Teatro Principal da obra "Pelos na lingua", de Thalía Teatro, a modo de reflexións sobre o idioma.

Ademais destes actos, o 2 de maio as rúas de Santiago encheranse de nenos e nenas nunha nova edición do Correlingua e o día 9 terá lugar unha homenaxe en Boisaca aos antepasados que coidaron o galego e que permitiron a súa transmisión de xeración en xeración. Colocarase unha placa a modo de recoñecemento do seu labor.

Todos os que queiran participar no xogo de toponimia poden chamar aos seguintes teléfonos:
981 533180 (Departamento de Normalización Lingüística)
981 533950 (Departamento de Participación Cidadá)

Compartir: