XUNTA DE GOBERNO

O Concello achega máis de 50.000 euros a cinco entidades do ámbito sociosanitario

19/04/2011 A sesión da Xunta de Goberno Local tamén deu o visto bo á convocatoria para a concesión de bolsas de comedor escolar así como a axudas para a rehabilitación de vivendas e locais no Casco Histórico por importe de preto de 30.000 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura de varios convenios de colaboración coas seguintes entidades: Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela (7.225 euros), Asociación de Persoas con Discapacidade Intelectual ASPAS (2.299,30 euros), Cociña Económica (20.208,50 euros), Fundación Monte do Gozo-proxecto Home (20.825,70 euros) e Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos de Enfermos Mentais (3.145 euros). En total o Concello achégalles 53.703, 50 euros. A proposta desta mesma Concellería procedeuse á aprobación das bases reguladoras e convocatoria para a concesión de bolsas de comedor para o alumnado dos centros docentes públicos e privados concertados de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria obrigatoria do Concello de Santiago de Compostela para o curso 2011/2012. A convoctaria publicarase no BOP e abrirase un prazo de 15 días dende o día seguinte á publicación para a presentación de solicitudes. O importe destinado a esta convocatoria é de 70.000 euros.

Noutro ámbito de cousas, adxudicaronse as obras de consolidación de muros existentes no Palacete sito na Finca do Espiño á empresa NEOR SA, por importe de 69.645 euros, e prorrogouse o contrato de Servizo de Centro de Atención ó Usuario (CAU) para o departamento de Informática. Por outra banda, deuse conta da resolución da concellería delegada de Servizos relativa á autorización á empresa DAVIÑA para a execución de obras de alumeado en Lavacolla nos tramos Castiñeira Grande-estrada de Sigüeiro (5.770,33 euros), Casais-Lavacolla (18.535,46 euros), acceso local social (1.355,25 euros), e Sionlla ata a autovía-parada de bus (7.909,56 euros).

Por último, aprobouse a concesión de axudas á rehabilitación de vivendas e locais do Casco Histórico por un total de 29.273,61 euros así como un gasto para a dinamización e xestión de actividades nos locais municipais de música para a xuventude de Compostela por valor de 19.943,37 euros.

Compartir: