PROMOCIÓN ECONÓMICA

21 comercios de Compostela inscribíronse na Edición de Primavera do Concurso de Escaparatismo

18/04/2011 Vinteún comercios de Compostela inscribíronse na Edición de Primavera do VIII Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2011, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo que dirixe Xosé Manuel Iglesias.

Os sectores representados son os de moda, complementos, decoración, literatura, artesanía, óptica, saúde, beleza e artes gráficas entre outros. O obxectivo do concurso, cunha dotación de 6.364 euros en premios, é contribuír á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

O concurso vai dirixido a todos os estabelecementos comerciais da cidade. Premiaranse tres comercios que recibirán campañas publicitarias por valores superiores aos 2.800 euros para o primeiro clasificado, aos 2.100 euros para o segundo, e aos 1.200 para o terceiro. As campañas de comunicación outorgadas aos premiados combinan diferentes formatos en función do premio obtido: publicidade audiovisual, valos publicitarios, prensa escrita e radio.

O 20 de abril remata a fase de exhibición dos escaparates. A xuntanza do xurado, integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, terá lugar a próxima semana. Os criterios a valorar son a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria. Trala súa deliberación, o xurado proporá os tres comercios premiados, que serán comunicados trala comprobación da posesión das licenzas correspondentes.

Compartir: