XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de ordenanza que axiliza a apertura de determinados locais e actividades

19/04/2011 A Xunta de Goberno local vén de dar luz verde ao proxecto de ordenanza que regulará a tramitación de actividades. Grazas a esta norma, determinados establecementos non precisarán de licenza de apertura, que será substituída por unha comunicación previa ou unha declaración responsable, dependendo dos casos, axilizando de forma considerable o proceso. O proxecto foi presentado en rolda polas concelleiras de Urbanismo, Mercedes Rosón, e de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira.

A licenza de apertura é un trámite de meses, tanto polo propio período de publicación e exposición ao público como polos permisos que implica en cada caso. Iso si, a entrada en vigor desta norma obrigará a reforzar o servizo de inspección, que se encargará de asegurar a posteriori que os establecementos cumpren a lexislación vixente.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, salientou a importancia desta nova norma, especialmente nos actuais tempos de crise, xa que facilitará e axilizará a apertura de negocios coa conseguinte dinamización da economía local, ao tempo que desconxestiona o servizo de Licenzas do Concello.

A ordenanza será de aplicación en todo o ámbito municipal, tamén no do Plan Especial 1, como sinalou a concelleira de Casco Histórico, Olga Pedreira, que apelou á responsabilidade dos administrados á hora de cumplir coa nova normativa.

Comunicación previa, declaración responsable ou licenza de apertura
A ordenanza clasifica as actividades en tres tipos establecendo os supostos nos que se poderá desenvolver unha actividade ou prestar un servizo en réxime de comunicación previa ou declaración responsable, e tamén aqueles supostos nos que se mantén a necesidade de obter unha licenza previa ou autorización municipal, xustificándose, neste caso, cal é o interese público que determina dita necesidade, ben sexa por cuestións relativas á protección do medio ambiente, ou do patrimonio histórico-artístico, a seguridade ou a saúde públicas, ou que impliquen o uso privatito e a ocupación dos bens de dominio público. No caso das dúas primeiras, as actividades non quedan exentas de solicitar a licenza de obras, si estas son de carácter maior.

Así, tendo en conta estes criterios, inclúense nas actividades sometidas ao trámite de comunicación previa ou de declaración responsable aquelas que polo seu carácter inocuo non se estima poidan afectar algún dos bens protexidos como o medio ambiente, o patrimonio histórico, a seguridade ou a saúde pública.

Estarán sometidas ao trámite de comunicación previa as seguintes actividades: actividades de carácter non mercantil ou industrial das que sexan titulares os órganos da Administración pública; postos da praza de abastos ou mercados municipais, agás aquelas actividades suxeitas a licenza de apertura ou autorización previa; antenas de telefonía ou semellantes, agás as situadas no ámbito de aplicación do Plan especial 1, en inmobles catalogados polo Plan xeral de ordenación municipal ou en ámbitos suxeitos á previa autorización da administración competente en materia de protección do patrimonio histórico-artístico; locais comerciais ou de servizos cunha superficie construída menor de 100m2; academias de ensino até 150m2 de superficie construída, agás academias de baile, música ou canto; centros destinados ao culto relixioso; actividades profesionais que se desenvolvan en locais ou establecementos que non excedan de 150m2 de superficie construída; oficinas ou locais pertencentes a entidades sen ánimo de lucro, sempre que non desenvolvan actividades mercantís ou industriais; pensións dunha, dúas e tres estrelas; garaxes de uso privado non autorizados coa licenza de edificación con capacidade inferior a cinco prazas e unha superficie que non supere os 100m2; aparcadoiros e exposición de vehículos ao aire libre sen límite de prazas nin superficie; cambios de titularidade.

Nestes casos, a licenza será substituída por unha comunicación previa, que se traduce en realidade en que o propietario deberá comunicar a apertura nun prazo de 15 días, para que o Concello proceda á inspección.

Noutro tipo de establecementos o requisito será unha declaración responsable. Serán: locais comercias ou de servizos entre 100 e 400m2 de superficie e 15 Kw de potencia mecánica instalada; despachos profesionais de máis de 150m2 ata 400m2 de superficie e 15 Kw de potencia mecánica instalada; establecementos hoteleiros ata 25 prazas sen cafetería ou restaurante; centros docentes, centros de educación infantil, primaria e secundaria, agás os centros incluídos no Decreto 329/2005 da Xunta de Galicia. Aqueles centros docentes que dispoñan de instalacións tales como cociñas, piscinas, depósitos de combustible, etc, que requiran licenza de actividade ou de apertura deberán proceder a formalizar a correspondente solicitude; actividades industriais, talleres artesanais e similares, cunha Qs igual ou menor a 42 MJ/m2 e una superficie útil menor ou igual a 60m2; actividades de almacenamento de obxectos e materiais sempre que a súa superficie sexa menor de 500m2 e a súa Qs sexa menor de 425 MJ/m2, agás as de produtos químicos ou farmacéuticos, combustibles, lubricantes, fertilizantes, praguicidas, herbicidas, pinturas, vernices, ceras ou pneumáticos; actividades de almacenamento de produtos petrolíferos, químicos con recipientes de presión ou con produtos químicos que non necesiten proxecto técnico segundo a normativa específica de aplicación; centros de diagnóstico e laboratorios de análises clínicas sen manipulación de produtos inflamables nin contaminantes; e actividades agropecuarias relacionadas no anexo III do Decreto 133/2008. As excluídas destes dous ámbitos deberán seguir solicitando a pertinente licenza de apertura.

Trala súa aprobación pola Xunta de Goberno Local, o proxecto de ordenanza irá ao vindeiro Pleno ordinario do mes de abril e trala súa aprobación inicial será sometido a información pública e audiencia dos interesados polo prazo mínimo de 30 días para a presentación de reclamacións e suxestións.

Compartir: