ALCALDÍA

Una nova ordenanza eximirá da licenza de apertura a determinados establecementos

15/04/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou en rolda de prensa que a Xunta de Goberno do martes 19 aprobará o proxecto de ordenanza que regulará a tramitación de actividades. Grazas a esta norma, determinados establecementos non precisarán de licenza de apertura, que será substituída por unha comunicación previa ou unha declaración responsable, dependendo dos casos.

Sánchez Bugallo indicou que esta ordenanza suporá unha considerable axilización administrativa. Neste sentido, recordou que a licenza de apertura é un trámite de meses, tanto polo propio período de publicación e exposición ao público como polos permisos que implica en cada caso. Iso si, a entrada en vigor desta norma obrigará a "reforzar o servizo de inspección", que se encargará de asegurar a posteriori que os establecementos cumpren a lexislación vixente.

Por un lado, a ordenanza exime da licenza de apertura a oficinas das administracións públicas; postos na Praza de Abastos ou en mercados municipais; locais comerciais ou de servizos menores de 100 metros cadrados; academias de ensinanza menores de 150 metros cadrados; centros de culto relixioso e actividades profesionais desenvolvidas en despachos menores de 150 metros cadrados. Nestes casos, a licenza será substituída por unha "comunicación previa", que se traduce en realidade en que o propietario deberá comunicar a apertura nun prazo de 15 días, para que o Concello proceda á inspección.

Noutro tipo de establecementos o requisito será unha declaración responsable. Aplicarase esta esixencia a locais comerciais ou de servizos menores de 400 metros cadrados; despachos profesionais de 150 a 400 metros cadrados; hoteis de menos de 25 habitacións; centros docentes de educación infantil, primaria e secundaria, actividades industriais e talleres artesanais de menos de 60 metros cadrados ou actividades de almacenamento, entre outras.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicará os detalles desta ordenanza en rolda de prensa tras a Xunta de Goberno.

Compartir: