ALCALDÍA

O alcalde amósase "extraordinariamente satisfeito" pola evolución de Lavacolla

15/04/2011 Coñecidos os datos do tráfico dos aeroportos no primeiro trimestre do ano, nos que 492.192 pasaxeiros pasaron pola terminal de Lavacolla, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, amosouse "extraordinariamente satisfeito" por estas cifras. O de Santiago foi o aeroporto que máis medrou neste período entre os 25 principais aeródromos españois.

Sánchez Bugallo salientou tamén que Lavacolla supoña o 51,4% do tráfico aeroportuario galego, "confirmando unha tendencia iniciada no 2005, cando supoñía o 41%; no 2009 era o 47% e no 2010 o 49%". Tamén indicou, coa vista posta nos seguintes meses, que o aeroporto compostelán concentra o 52,3% das reservas do total de Galicia. "A previsión é que os datos nos meses da primavera e do verán sexan semellantes ou lixeiramente superiores", engadiu.

Tamén en relación ao aeroporto, considerou "practicamente descartado" o voo a Roma con Easyjet para este mesmo ano, unha vez esgotado o prazo dado á empresa para responder positivamente e ante o período electoral que se aveciña. Non obstante, o alcalde confía en que se manteñan os termos do acordo con Easyjet para que o voo poida operarse xa en 2012, se ben non descartou que se poidan presentar outras alternativas por outras empresas para esta conexión.

Depuradora
Sobre a condena a España do Tribunal de Xustiza da Unión Europea por incumprimento das normas de depuración de augas residuais, o alcalde recordo que "non se condena ao Concello, senón ao Goberno de España, que é o que ten a responsabilidade de construír a depuradora e será este o que teña que facela e o que terá que pagar a multa".

"Se o Ministerio de Medio Ambiente aceptou pagar o 45% da depuradora de Vigo e non conseguiu que en contraprestación a Xunta colabore financeiramente nas depuradoras de Santiago e Ourense é problema do Ministerio, non dos cidadáns destas cidades, e é o que o ten que resolver", indicou sobre este tema.

SUNP-11 do Castiñeiriño
O alcalde tamén falou da asunción por Emuvissa das obras de reurbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño. Recordou que malia a "excepcionalidade" de Santiago, que permitiu que a construción se mantivera "a un ritmo razoable", isto "non quere dicir que non nos afectara a crise". Con todo, dixo, "nos polígonos xestionados por Emuvissa, os problemas concentráronse todos nun, o do Castiñeiriño, o máis pequeno de todos, con pouco máis de 30.000 metros cadrados e 198 vivendas previstas".

Segundo explicou, neste polígono produciuse a suspensión de pagos tanto da promotora como da edificadora. "Emuvissa faise agora cargo da urbanización e reclamará á promotora os danos e prexuízos e os sobrecostes", apuntou, recalcando que "é mellor que a asuma Emuvisa que deixarlle o problema aos veciños". Todo isto sen prexuízo de que a entidade financeira que sostiña a operación chegue a algún acordo coa promotora, aclarou Sánchez Bugallo. O obxectivo é que as obras de urbanización poidan comezar no verán.

Comedores escolares
Preguntado polos xornalistas sobre a problemática dos comedores escolares, o rexedor municipal lembrou que as únicas competencias municipais no ensino primario son "o coidado e a limpeza" dos centros. Por iso, en referencia á Xunta de Galicia, reclamou que "o que ten a competencia e a responsabilidade, que a exerza. Neste sentido, lembrou que a quen demandan a solución deste asunto as ANPAS é á Administración Autonómica.

Tras insistir en que debe ser a Xunta a que exerza as súas competencias, manifestou a disposición do Concello a colaborar. Así o fai actualmente, concedendo becas a aquelas familias que non poden asumir os gastos dos comedores escolares, cuns pagos que se fan directamente ás propias ANPAS, asegurando así o destino das axudas.

Compartir: