TURISMO

Turismo de Santiago inclúe a Cidade da Cultura na súa oferta de visitas guiadas

15/04/2011 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o catálogo de Compostela Walking Tours de Turismo de Santiago para o ano 2011. Nesta ocasión inclúe como novidade unha visita á Cidade da Cultura. O novo catálogo de visitas guiadas comezará a ofertarse a partires do 15 de abril, con motivo da Semana Santa, e estará en vigor ata o 31 de outubro.

As visitas incluídas dentro dos Compostela Walking Tours son: Visita á Cidade Histórica e a Cidade da Cultura, Visita aos Conventos de Clausura, Tour Gastronómico, Visita ás Igrexas e o Tour Nocturno. Todas as visitas poderán facerse en inglés ou castelán. Os Compostela Walking Tours poderanse reservar por Internet a través da Central de Reservas de Turismo de Santiago e na oficina de información turística da empresa municipal.

O obxectivo da nova visita guiada é que o turista poida coñecer e ao mesmo tempo relacionar dúas partes da cidade de cronoloxía e estilos moi diferentes pero conectadas entre si: a Cidade Histórica e a Cidade da Cultura. Para isto deséñase un percorrido polo Casco Histórico, de arredor dunha hora e cuarto, e a continuación haberá un traslado á Cidade da Cultura en vehículo para facer unha visita dunha hora á obra de Peter Eisenman.

A visita conxunta á Cidade Histórica e á Cidade da Cultura quere mostrar e explicar estas dúas partes da cidade, que aínda que a priori parecen non ter moita conexión, están claramente relacionadas: a cidade histórica vese "reflectida" e "prolongada" no moderno e innovador complexo cultural da Cidade da Cultura xa que, segundo o propio arquitecto, esta foi a súa fonte de inspiración.

A primeira visita combinada á Cidade Histórica e á Cidade da Cultura será o venres 15 abril. A partires de aquí haberá unha visita diaria, agás os domingos, que partirá da oficina de información de Turismo de Santiago ás 11:00 horas. Está previsto que se desenvolva ata o 31 de outubro, polo que haberá un total de 170 visitas.

Guía profesional de Turismo de Santiago
Xosé Manuel Iglesias tamén presentou a nova Guía profesional de Turismo de Santiago, un manual para intermediarios do sector no que se recollen os recursos da cidade: establecementos, modos de accesos, transportes, provedores, servizos que presta Turismo de Santiago… A publicación edítase en galego, castelán e inglés e será unha ferramenta de traballo para o contacto con profesionais en feiras, presentacións, famtrips…

Compartir: