CULTURA

Hindi Zahra, a nova voz da música global, presenta "Handmade" en Sons

14/04/2011 O sábado 16 temos unha nova cita con Sons da Diversidade, ciclo organizado pola Concellaría de Cultura. Será a partir das 21:00 horas da man da nova voz da música global, Hindi Zahra, que presenta Handmade. As entradas xa están á venda na web de Caixa Galicia e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O prezo é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

Dende que en maio de 2010 Hindi Zahra publicou o seu álbum de debut, as comparacións acumúlanse nas páxinas da prensa musical: Billie Holiday, Django Reinhardt, Patti Smith, Oumou Sangare... Nomes maiúsculos para referenciar a unha artista que tamén se sente debedora de Oum Kalthoum, Cheikha Rimitti, Ali Farka Touré, Ismael Lö, Led Zeppelin ou Ella Fitzgerald. Hindi Zahra soubo absorber tendencias diversas para destilar unha proposta que camiña sobre os estilos con soltura. Jazz, soul, étnica, folk... música global por riba de tendencias.

O recipiente que contén o destilado chámase Handmade, un disco que leva o pouso do seu percorrido vital. Hindi é unha bereber nacida en Khouribga (Marrocos) en 1979. Medrou nunha familia próxima á música e ao teatro, escoitando raï, châabi, música bereber, rock e blues do deserto. Dende os 14 anos vive en París, onde foi gañando táboas como compositora e corista de grupos soul. Ata que pasou tres meses nun apartamento alugado para fabricar a man un disco sedutor, cantado en inglés e amazigh cunha voz excepcional.

Handmade é unha combinación da delicadeza da chanson, a melancolía da rive gauche e as tendencias máis contemporáneas. Chegou ao número 2 na lista europea de world music e de aí a unha xira por dez países coa que amosou a público e crítica que é moito máis que a cantante de moda en Europa. Así o ve Juanjo Peña, da revista B! Ritmos: "Chega Hindi e amósanos, con abafadora naturalidade, que nin mesturas, nin músicas do mundo, nin mestizaxes... que todo é o que son, que todo isto é o que hai. Unha amazigh marroquí francesa. Unha personalidade capaz de crear identidade propia".

Sexta cita da tempada
Sons da Diversidade é un ciclo de concertos que chega a súa oitava edición como unha referencia da programación cultural de Galicia. Sons é unha vía de achegamento ás diferentes culturas do mundo a través da súa música. A tempada 2010-2011 abriuna Berrogüetto en novembro seguido de Lokua Kanza en decembro, de Carmen Linares en xaneiro e de Mari Boine en febreiro. Marzo foi o mes de Ana Moura e despois de Hindi Zahra pasarán polo Auditorio de Galicia Eleftheria Arvanitaki e Ana Belén e Rosa Torres-Pardo.

Compartir: