ALCALDÍA

Catrocentos escolares visitaron o Concello na Xornada de Portas Abertas

14/04/2011 Un ano máis, o Concello de Santiago celebrou a súa Xornada de Portas Abertas, na que composteláns e visitantes puideron coñecer por dentro as dependencias municipais da praza do Obradoiro. Entre eles, preto de 400 escolares de nove centros educativos da cidade.

Monitores da Concellaría de Educación guiaron aos 393 rapaces e rapazas pola Casa do Concello, explicándolles o seu funcionamento e a súa historia. Durante toda a maña, foron pasando por Raxoi grupos dos colexios A Inmaculada, San Paio, San Jorge, A Milagrosa, Xuventude, Raíña Fabiola, Pío XII, Vite e Nosa Señora dos Remedios.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, tamén quixo participar destas visitas e compartiu uns minutos cos escolares. Foi tempo para que os nenos e nenas lle formulasen as súas preguntas ao alcalde, para falar da súa marcha académica no curso ou para que algún mesmo manifestase as súas aspiracións a político.

Durante a visita, os rapaces foron pasando polas distintas estancias, onde se lles explicou toda a simboloxía relacionada co Concello. Incluso algún puido ataviarse cos cascos dos maceiros. Ademais, puidéronse sentir concelleiros por uns intres no salón de plenos nunha breve sesión presidida tamén polo alcalde.

E durante todo o día, os veciños e visitantes tiveron a ocasión de acceder libremente ao Concello e así achegarse á Administración Local. Ademais, puideron levar consigo folletos informativos, postais ou diversas publicacións relacionadas co Concello ou mesmo co 800 aniversario da Consagración da Catedral.

O Pazo de Raxoi
O Pazo de Raxoi sitúase na praza do Obradoiro, xusto fronte á catedral, e na actualidade é sede do concello de Santiago e do Goberno autonómico. Responde ao estilo neoclásico francés. A súa fachada principal estrutúrase segundo un esquema simétrico ordenado a través dun frontón central triangular e dous frontóns semicirculares laterais que descansan sobre columnas xónicas. O frontón central posúe un relevo no que se representa a batalla de Clavixo e que cubre o tímpano sobre o que se asenta a figura de Santiago o Matamouros, esculpida por Xosé Ferreiro.

O edificio foi obra dun enxeñeiro francés do século XVIII e a súa construción débese a un encargo do arcebispo de Compostela Bartolomeu Raxoi e Losada. Na orixe, o edificio destinouse a cárcere e concello ademais de albergar os nenos do coro da catedral, os acólitos e os sacerdotes.

A situación deste pazo, veciño do Hostal dos Reis Católicos –antigo Hospital Real– xerou, nos anos da súa creación, non poucas polémicas e litixios. O administrador do Hospital Real por aquel entón opúxose á construción deste edificio argumentando que privaba de ventilación e luz natural o Hospital, ademais de impedir que tivese unha ampla zona para a saída e entrada dos doentes.

Compartir: