CONSORCIO

O Consorcio realiza traballos de conservación na igrexa de Santa María Salomé

13/04/2011 O Consorcio de Santiago, no marco das súas políticas de recuperación do patrimonio histórico da cidade, comezou diferentes traballos de conservación na igrexa de Santa María de Salomé, situada na rúa Nova.

As obras de conservación afectarán principalmente aos muros orientados cara ao patio interno da igrexa, non recoñecible dende a rúa, e ás paredes do interior do templo. Segundo os investigadores, este patio podería corresponderse cun antigo claustro, pertencente a un vello hospital do que apenas se sabe nada, excepto que deixou de funcionar no século XVIII. Estes labores de recuperación consistirán principalmente en arranxos na parede exterior norte, na que se aplicarán novos revocos para corrixir humidades, así como un tratamento de consolidación nos muros de pedra. Tamén se procederá á eliminación de elementos vexetais resposables da aparición de humidades e á renovación parcial de tellas onde sexa necesario, principalmente na cuberta da sacristía. Por último, rehabilitaranse a totalidade de fiestras de madeira da igrexa.

No interior do templo estase a proceder á renovación dos revocos dos muros e ao seu pintado. As obras, que contan cun orzamento de 54.841 euros, están a ser realizadas pola empresa Ecoservicio y Bioconstrucción Atlas.

Con anterioridade, en 1999, o Consorcio de Santiago realizou traballos de recuperación na mesma igrexa, por valor de 70.000 euros, consistentes na restauración de retablos, reixas e carpinterías e acondicionamentos interiores e de iluminación.

Compartir: