URBANISMO

Emuvissa aproba o prego para a execución da urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño

13/04/2011 O Consello de Administración de Emuvissa deu o visto bo ao prego para o concurso de execución das obras de urbanización do SUNP-11. Deste xeito vaise continuar a urbanización do polígono residencial situado no Castiñeiriño que estaba pendente dende maio de 2010 cando se resolveu o contrato de execución pola suspensión temporal das obras de edificación dende 2009.

Superado amplamente o prazo para que a promotora puidese solucionar os seus problemas de financiamento, é necesario continuar coas obras de urbanización e rematar o polígono, porque está vendido o resto das parcelas que queren iniciar a súa construción. Ao fío desta decisión tamén se aprobou o inicio das accións para esixir responsabilidade patrimonial á empresa Proxectos e Inmobles de Galicia S.L. polos danos e prexuízos causados por incumprimento das súas obrigas de edificación.

A partir de agora, Emuvissa iniciará o procedemento de licitación pública polo procedemento aberto multicriterio para adxudicación do contrato de execución das obras de urbanización do Castiñeiriño, que teñen un prazo de execución de nove meses.

Neste mesmo Consello aprobouse unha operación de tesourería ata final de ano por importe de 1.200.000 euros.

Compartir: