EMPREGO

Apróbase o Pacto Local polo Emprego cunha solicitude de subvención de máis dun millón euros ao Fondo Social Europeo

13/04/2011 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, anunciou en rolda de prensa que a última Xunta de Goberno aprobou o Pacto Local polo Emprego de Santiago e acordou solicitar, a través do Ministerio de Administracións Públicas, unha axuda de 1.1404.000 euros ao Fondo Social Europeo, para un importe total do proxecto de 1.380.000 euros.

O Pacto Local polo Emprego do Concello de Santiago ten como finalidade reducir as taxas de desemprego a través da creación de emprego de calidade, en coordinación cos axentes económicos e sociais vinculados ao desenvolvemento do mercado laboral en Compostela.

Así, desenvolve programas de formación e de inserción sociolaboral cun sistema de orientación profesional personalizado estruturado en torno a dúas grandes actuacións:

1. Persoa V, que se desenvolverá a través da articulación de Itinerarios integrados de inserción sociolaboral. O seu obxectivo é promover a integración laboral, por conta propia ou allea, de persoas desempregadas, en novos xacementos de emprego, e especificamente no sector da atención e coidado de dependentes e persoas maiores. Este itinerario contempla formación profesional especifica, prácticas en empresas e apoio á colocación. Ata o momento, na presente edición do Persoa IV, foron 119 as persoas beneficiarias, das que 66 conseguiron un contrato de traballo.

2. Plan de Acción Local polo Emprego 2011-2013, que ten como obxectivo integrar as políticas de emprego que desenvolven os distintos axentes económicos e sociais da cidade, contempla entre outras a implementación de medidas como: a creación dun servizo de apoio a proxectos innovadores en novos sectores estratéxicos, un servizo de apoio ó recoñecemento da experiencia profesional e ás empresas de inserción laboral como vías de incorporación ó mercado de traballo, a creación dunha Rede de Emprego Local, ou a realización de diferentes estudios e investigacións para un mellor coñecemento da evolución do mercado de traballo local, entre eles, un estudio prospectivos sobre sectores económicos emerxentes e novos nichos de emprego, ou o estudio sobre estratexias de posicionamiento en internet para a busca de emprego.

As conclusións dos traballos preparatorios do Pacto Local polo Emprego para este período céntranse na definición dos mecanismos de cooperación entre os axentes, na determinación do público obxectivo, na concreción dos sectores produtivos prioritarios e na previsión dos mecanismos para o impulso da participación dos axentes na mediación laboral.

Neste caso, os destinatarios preferentes son mulleres maiores de 45 anos, parados longa duración e persoas mozas; ademais de persoas procedentes dos sectores máis afectados pola crise, como a construción; ou persoas con cualificacións sen oportunidades no mercado laboral.

En canto á concreción dos sectores produtivos, é obxectivo centrar as políticas activas de emprego naqueles sectores con maior potencialidade na cidade, como turismo, hostalería, atención a persoas dependentes; impulsar sectores de actividade pouco desenvolvidos que acheguen elementos innovadores e de revalorización; promover o emprendemento; e favorecer a figura das empresas de inserción laboral en canto ao modelo de inclusión social.

Compartir: