EDUCACIÓN

As agrupacións da Escola Municipal de Música interpretan "Os nenos do coro"

13/04/2011 O Auditorio de Galicia acollerá o venres 15 de abril, a partir das 19:00 horas, un concerto especial da Escola Municipal de Música, titulado Os nenos do coro. A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, deu conta dos detalles desta actuación, na que participarán unhas 200 persoas, entre profesores e alumnos.

Mercedes Rosón destacou o carácter "coral" deste proxecto, no que participarán case todos os integrantes da Escola Municipal de Música, coas súas cinco agrupacións: a orquestra de corda, a banda, os dous coros de nenos e o coro de adultos. O concerto segue na liña de "facer visible o traballo que se desenvolve na Escola e de optimizar todos os recursos que temos", indicou.

A directora da Escola, Sara Domínguez, xustificou a elección de Os nenos do coro por ser "unha música moi recoñecible" e á vez "motivadora para os nenos". Destacou o traballo didáctico que supuxo orquestrar e adaptar esta banda sonora. Así o referendou tamén o xefe de estudos, Mario Diz, aludindo á "simbiose entre alumnos e profesores" na preparación deste concerto.

Tanto a concelleira como os responsables da Escola Municipal de Música convidaron a todos os cidadáns a participar neste concerto no Auditorio, un escenario que tamén actúa de elemento motivador, tal como apuntou Sara Domínguez.

Tras este concerto, a Concellería de Educación e a Escola seguen traballando en novas iniciativas. Así, preparan xa o Día Europeo da Música e unha serie de pequenos cursos que se desenvolverían no Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela.

Compartir: