XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a inclusión de tres inmobles no Rexistro de Soares

12/04/2011 Na súa sesión ordinaria semanal, a Xunta de Goberno aprobou ditar a orde de inclusión no Rexistro de Soares e Edificacións que cómpre rehabilitar de tres inmobles, situados na rúa dos Loureiros (nº14), na praciña das Penas (nº 5) e na rúa de San Roque (nº 23).

Unha vez ditada esta orde, notificarase a orde de inclusión ao propietario dos devanditos inmobles. Tamén se ordenará a publicación no taboleiro de anuncios do Concello e darase traslado do acordo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Unha vez sexa firme en vía administrativa, remitirase ao Rexistro da Propiedade unha certificación que conteña a transcrición literal da resolución que ordena a inscrición neste Rexistro Municipal de Soares. Ábrese un prazo de dous anos para que o propietario rehabilite os edificios. De non facelo, o Concello poderá ordear a expropiación e rehabilitación forzosa dos mesmos.

Cómpre lembrar que este Rexistro de Soares é un instrumento urbanístico para o fomento da edificación, que busca garantir o cumprimento dos deberes urbanísticos que pesan sobre o propietario. Preténdese non só evitar fenómenos especulativos, senón tamén a revitalización de zonas urbanas que presenten algún síntoma de degradación, preservar a imaxe urbana da cidade e garantir as condicións adecuadas de salubridade e ornato público.

Transportes
En materia de Transportes, aprobouse o convenio entre o Concello, a Xunta e diversas empresas prestameiras do transporte urbano municipal para a determinación das condicións de compensación tarifaría e das obrigas asociadas ás mesmas na Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela. As empresas asinantes son Autobuses Urbanos de Lugo, Tralusa, Transportes Mosquera, Autos Carballo e Hermanos Ferrín.

Medio Ambiente
A proposta da concelleira de Medio Ambiente, iníciase o expediente para contratar a explotación da cafetería do parque Eugenio Granell. Fíxase un canon mínimo a achegar polo licitador de 4.966 euros/ano, máis unha porcentaxe tamén anual de participación nos ingresos derivados do contrato non inferior ao 1%.

Tamén se acordou revisar segundo a variación do IPC os prezos do contrato de conservación e mantemento do parque de Brandía. O importe anual queda establecido en 70.027 euros.

Benestar Social
No ámbito de Benestar Social, aprobouse o convenio polo que o Concello e o Colexio colaboran no funcionamento dunha quenda de letrados especializados en dereito administrativo e laboral. O obxecto é a prestación de asistencia e asesoramento xurídico na vía administrativa previa, cara á formulación dos recursos administrativos e escritos procedentes, que na actualidade quedan fóra do ámbito da xustiza gratuíta, para aquelas persoas que acreditando insuficiencia de recursos residan en Santiago. O Concello achega 4.250 euros.

Cultura
A Xunta de Goberno tamén deu o visto bo a tres novos convenios con asociacións culturais: Barriga Verde (10.200 euros), Seráns en Compostela (1.700 euros) e Curso Universitario Internacional Música en Compostela (4.250 euros).

Circulación Viaria
Outro dos acordos foi a ampliación do prazo para a presentación de proposicións para o servizo de grúa e ORA ata o 29 de abril, unha vez corrixido o Anexo IV do prego de condicións.

Horarios
Finalmente, autorízase aos establecementos de hostalería á ampliación de horario nunha hora os días 16, 17, 21, 22, 23 e 24 de abril.

Documentos relacionados



Compartir: