ALCALDÍA

Encontro do alcalde co recoñecido ilustrador italiano Roberto Innocenti

07/04/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi o ilustrador Roberto Innocenti, que se atopa en Santiago para participar como xurado do IV Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados.

A presenza de Roberto Innocenti en Santiago como xurado compleméntase coa súa participación nalgunha das actividades da XI Campaña Municipal de Animación á Lectura, organizada pola Concellería de Educación e Kalandraka Editora. Así, estaba prevista para a tarde un encontro formativo na Fundación Caixa Galicia, presentado por Federico Martín Nebras.

Roberto Innocenti (Florencia, 1940) é un dos ilustradores máis sobranceiros da actualidade, con libros como A historia de Erika, As aventuras de Pinocho ou La casa, editados por Kalandraka. De formación autodidacta, comezou a súa traxectoria artística aos 18 anos. Foi deseñador, grafista publicitario e cartelista. Os seus traballos ilustraron os textos de escritores tan senlleiros como Eta Hoffmann, Charles Perrault, Oscar Wilde, Christophe Gallaz ou Charles Dickens.

Admirado en todo o mundo, recibiu os premios artísticos máis prestixiosos: a Mazá de Ouro da Bienal de Bratislava, a Medalla de Prata da Sociedade de Ilustradores de Nova York e o Premio Internacional de Ilustración Hans Christian Andersen en 2008.

Compartir: