MEDIO AMBIENTE

Aberto o prazo para solicitar os postos do mercado "Entre Lusco e Fusco" nas terrazas de Belvís para os dous vindeiros anos

07/04/2011 A Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábe abre o prazo para a adxudicación de 33 autorizacións para a ocupación de espazos nas terrazas de Belvís, destinadas a exercer a actividade de exposición, intercambio e venda dos produtos no mercado "Entre Lusco e Fusco", que se celebra nas tardes dos martes nas terrazas do Parque de Belvís.

Entre as características da convocatoria, que poden descargarse nesta web, figuran as dimensións dos postos, que serán de 2 x 3 metros, e o período máximo de dous anos de ocupación. Tendo en conta o carácter ambiental e social deste mercado, as autorizacións rexeranse, no que lles sexa de aplicación, pola Ordenanza reguladora do uso de hortas municipais e, no tocante ás taxas, pola Ordenanza 3.24, Taxa por postos e casetas de venda, espectáculos ou atraccións situados en terreo de uso público e por venda de artesanía nas rúas, venda ambulante e rodaxe cinematográfica.

Nas bases sinálase tamén que os produtos á venda serán ecolóxicos, de acordo cos requisitos establecidos na normativa vixente. Tamén poderán ser locais e de tempada, entendidos como aqueles produtos de horta producidos en pequenas explotacións na comarca que respecten os ciclos de produción da terra; ou tamén de comercio xusto ou de artesanía.

O prazo para presentar as solicitudes é de 30 días, de acordo co impreso normalizado a disposición dos interesados e interesadas nesta web.

Compartir: