PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Casa das Asociacións exhibe os gravados do artista compostelán Manoel Bonabal

05/04/2011 A Concellaría de Participación Cidadá leva á Casa das Asociacións (rúa Manuel Beiras, 3) a exposición Pingas, na que o artista compostelán Manoel Bonabal amosará gravados (xilografía e monotipias) coa temática da chuvia. A mostra, que se inaugurará o mércores 6, ás 20.00 horas, estará aberta ata o 29 de abril. No acto haberá un recital poético de Iolanda Aldrey.

A mostra enriquecerase tamén coas achegas colectivas da obra dos participantes nun taller de gravado no que poderán participar de balde oito asistentes (de balde). Faranse fundamentalmente xilografías aditivas, se ben puntualmente, se o tempo o permite, se realizará algunha intervención en augaforte. Disporase de tórculo, pranchas de linóleo, gubias, rolos, etc. Os asistente deberán traer unha bata ou roupa para traballar (tintas). No caso de contar con algunha gubia de xilografía, ou material de gravado, agradécese traelo. O taller poderase prorrogar á semana seguinte de interesar aos participantes.

O obradoiro celebrarase os días 12, 13 e 14 de abril de 17:00 a 20:00 horas. Máximo 8 participantes a partires dos 14 anos.

O autor
Manoel Bonabal naceu en Santiago de Compostela o 29 de novembro de 1.961. Estudou na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo da súa cidade e complementou a súa formación no estudio de escultura do seu pai, Manuel Barreiro Moratalla. Dedícase profesionalmente á pintura e é un referente do mailart en Compostela.

Compartir: