XUNTA DE GOBERNO

Adoptado o acordo definitivo de cesión da parcela para o centro de saúde de Conxo

05/04/2011 A Xunta de Goberno, na súa reunión ordinaria, adoptou o acordo definitivo de cesión a favor do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) da parcela R-10 do Plan Parcial do SUP-4 de Conxo, co obxecto de que sexa destinada a Centro de Saúde Público.

A cesión formúlase nos mesmos termos que o acordo inicial, salvo no que se refire a unha das condicións. Así, establécese desta vez que a licenza para a construción deste centro de saúde deberá ser solicitada no prazo de seis meses dende a adopción deste acordo definitivo. As obras deberán finalizarse no prazo de 2 anos unha vez obtida a licenza

Benestar Social
En materia de Benestar Social, aprobouse a sinatura dun convenio entre o Concello e a Secretaría Xeral de Emigración para levar a cabo un programa de atención, información, orientación e asesoramento xurídico e sociolaboral para inmigrantes e retornados. Para a realización destas actividades, a Xunta achegará 50.000 euros e o Concello 20.000 euros.

Ademais, deuse conta da sinatura da cesión por un ano, prorrogable ata un período máximo de catro anos, a favor da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspas) de dúas vivendas municipais situadas na rúa Roma, 5, para o desenvolvemento do proxecto para vida independente de persoas con discapacidade intelectual.

Normalización Lingüística
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a solicitude á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dunha subvención total de 127.311 euros, destinados ao mantemento do servizo de normalización lingüística (57.884), ao reforzamento do servizo (22.107) e aos programas de dinamización lingüística co obxecto de lograr a normalización lingüística na entidade local (47.320 euros).

Mobilidade
No ámbito de Mobilidade, aprobouse a prórroga da encomenda de xestión do aparcadoiro de borde de Salgueiriños por parte da empresa municipal TUSSA ata o 31 de decembro de 2011. Esta prórroga faise efectiva unha vez autorizada pola Xunta a continuación da cesión da parcela afectada para este fin.

Deportes
Finalmente, adxudicouse o servizo de limpeza e desinfección de dispositivos de auga quente sanitaria e auga fría de consumo humano para o control e prevención da contaminación por lexionela nas instalacións deportivas municipais 2011. O importe de adxudicación é 19.923 euros.

Documentos relacionados



Compartir: