CULTURA

Teatro Lliure Gràcia presenta "A gata sobre o tellado de zinc quente" no Teatro en Xira

04/04/2011 Teatro Lliure Gràcia chega o mércores 6 a Compostela para representar A gata sobre o tellado de zinc quente dentro do ciclo Teatro en Xira, que trae o mellor teatro que está a xirar pola Península. Teatro comercial de calidade, teatro clásico e tamén producións máis arriscadas neste ciclo que organiza a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais e que incluirá seis espectáculos. Así, A gata sobre o tellado de zinc quente poderá verse no Teatro Principal a partir das 21.00 horas.

A obra de Tenessee Williams chega a Compostela con adaptación libre e dirección Àlex Rigola. Trátase dun fresco sobre as relacións humanas, a mentira, a desintegración da parella e o desmembramento dunha familia. Un retrato dos problemas que temos para afrontar e dicir a verdade coas persoas que temos máis cerca. "Why is so hard to talk?" di Tennessee Williams en boca dun dos personaxes. Trátase dun espectáculo de esgotamento psíquico e emocional para os actores e que conta cun gran elenco: Chantal Aimée, Muntsa Alcañiz, Andreu Benito, Joan Carreras, Ester Cort, Santi Ricart e Raffel Plana.

Dentro do ciclo Teatro en Xira puidemos gozar xa de Razas,de David Mamet, texto que viña de triunfar en Broadway, e que chegou a Compostela adaptado e dirixido por Juan Carlos Rubio e protagonizado por Toni Cantó e Bernabé Rico; e de La mujer justa, do dramaturgo Sandor Márai, adaptada por Eduardo Mendoza e posta en escena por Tanttaka Teatroa.

No mes de maio poderemos gozar dunha das producións comerciais do momento de maior calidade. É Crime perfecto, con texto do dramaturgo inglés Frederick Knott, dirixido por Víctor Conde e protagonizado por Elena Furiase e Jorge Sanz. E outro dos directores máis reputados do teatro español, Ernesto Caballero, chega a Compostela en outubro con A colmea científica ou o café de Negrín, de Teatro El Cruce, que recrea dende unha óptica actual a historia da Residencia de Estudantes de Madrid.

A aposta máis arriscada do ciclo queda para decembro, cando arribará Torvaldo furioso, dirixida polo vigués Lino Ferreira, de El Óbolo Producciones, unha compañía novel que se pode encadrar dentro da chamada "xeración La Abadía" de profesionais da escena que se formaron ao abeiro desta "casa do teatro" madrileña.

As entradas -a 12, 8 e 5 euros no Principal e 15 no Auditorio- xa están á venda na billeteira virtual de Caixa Galicia.

Compartir: