ALCALDÍA

O alcalde afirma que os catro plans especiais xa aprobados co novo PXOM reflicten as prioridades do Goberno municipal

01/04/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse na súa rolda de prensa semanal á aprobación definitiva no Pleno do Plan Especial das Brañas do Sar. Este é o cuarto programa de desenvolvemento ratificado dende a entrada en vigor do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Agarda que "en 2015 todos poidamos disfrutar deste gran parque que unirá Pontepedriña con Fontiñas, con 492.000 metros cadrados, un luxo para calquera cidade".

Sánchez Bugallo recordou que o de Brañas do Sar se suma aos outros plans especiais aprobados no marco do novo PXOM: o do solo industrial da Sionlla, con 145 hectáreas; o do Campus Universitario, cunhas 82 hectáreas e no que xa se concederon licenzas; e o da Pulleira, onde se construirán 2.200 vivendas protexidas. "Estes catro plans reflicten catro prioridades do Goberno municipal. Emprego, universidade, vivenda e medio ambiente", dixo.

Botou a vista atrás para analizar a evolución do parque dende hai décadas e salientou o "salto adiante" que supuxo o PXOM, ao apostar por "facer públicas as Brañas de Sar". Agora, o Consorcio de Santiago asumiu a redacción do Plan Especial "co obxectivo de facer público o parque, protexelo e unir a Cidade da Cultura coa cidade".

A adquisición e execución do parque está incluída na programación 2010-2013 do Consorcio, polo que o alcalde expresou a súa confianza en que se poida inaugurar en 2015. Sobre as súas características, destacou que o Plan aposta por manter o parque "o máis natural posible, pola presión que sobre a canle do ríao exercen as urbanizacións do entorno". Así, engadiu, "a superficie inundable debe poder medrar, esencialmente no sur, para que actúe como regulador das crecidas do río".

Beneficios nas empresas municipais
Tamén falou o alcalde do peche das contas das catro empresas con participación municipal: Mercagalicia, Tussa, Emuvissa e Incolsa. "Todas teñen en común que pecharon cuns beneficios que van dende os modestos 11.500 euros de Mercagalicia aos 422.000 de Emuvissa", apuntou. Ao seu xuízo, "nun escenario económico como este, isto fala dunha excelente xestión".

Lembrou que Mercagalicia leva 11 anos tendo "modestos beneficios, que destina a minorar déficits, mentres que as outras tres os destinan a reforzar as súas reservas". Ademais, recalcou o alcalde que, das catro, unicamente Incolsa está subvencionada polo Concello, de modo que as outras "xeran ingresos que lles permiten ter beneficios e reservas para afrontar anos complicados como este 2011".

Compartir: