EDUCACIÓN

Continúan as actividades da XI Campaña Municipal de Animación á Lectura

01/04/2011 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón Ferreiro, participou no obradoiro Familia de Cores, que se desenvolveu na Escola Infantil Trasparlamento, no marco da XI Campaña Municipal de Animación á Lectura.

O Departamento de Educación e as escolas infantís 0-3 de Santiago de Compostela, Tambre, Conxo, Fontiñas, San Roque e Trasparlamento seguen a traballar coordinadamente para contar con actividades que contribúan á mellor formación dos nenos e das nenas das escolas infantís 0-3. Nesta ocasión, con motivo da XI Campaña Municipal de Animación á lectura, o Departamento de Educación e a Editorial Kalandraka están a desenvolver un programa de actividades deseñado especialmente para a rede de escolas infantís de Compostela.

Entre estas actividades destacan as sesións de contacontos e visitas guiadas á exposición, nas que os nenos e nenas visitan a Galería Sargadelos e coñecen as ilustracións orixinais de obras como A Familia C, da ilustradora Mariona Cabassa e o escritor Pep Bruno; Bailar nas nubes, de Vanina Starkoff, que foi finalista do III Premio Internacional Compostela; Mago Goma, do lucense Toño Núñez e Adrià Fruitós; Pancho, de Antonio Santos (II Premio Nacional de Ilustración 2003); Compostela, do coruñés David Pintor; e O paraugas amarelo, de Joel Franz Rosell e Giulia Campolmi.

Tamén se preparou un obradoiro titulado Família de Cores. Trátase dunha intervención plástica nas escolas infantís, coordinada polo ilustrador Pablo Otero "Peixe", autor de álbums como Mateo e ABCdiario, entre outros. Esta actividade ten por obxecto achegar o traballo da ilustración aos mais pequenos. Antes da visita á escola de Tras Parlamento, o ilustrador xa visitara as de Conxo, San Roque, Fontiñas e polígono do Tambre.

Outra das actividades desta Campaña de Animación á Lectura é Do berce á lúa, sesión de contos para bebés dirixido aos pais e nais de Compostela con nenos e nenas de 0 a 3 anos, que terá lugar o sábado 2 de abril na Galería Sargadelos, con dúas sesións: ás 11:00 e ás 12:00 horas. Está prevista a participación de máis dun cento de familias.

Compartir: