CONSORCIO

A Filharmonía estrea outra obra de Arriola

30/03/2011 A Real Filharmonía de Galicia, da man do director Maximino Zumalave, estreará unha nova obra de Arriola durante o concerto do xoves 31 de marzo, como parte do proceso de recuperación da figura artística deste descoñecido compositor galego. Será a partir das 21:00 horas no Auditorio de Galicia.

Hai un ano, dende o Consello da Cultura Galega e o Consorcio de Santiago decidiuse recuperar a obra de Arriola, coa publicación dalgunhas partituras inéditas localizadas por casualidade e que saíron á luz grazas ao traballo conxunto de persoas como Ramón Castromil ou Luís Mera e a Ruth Maltzanh, filla de Arriola. Posteriormente, o músico Joam Trillo preparou estas partituras para a súa publicación e catalogación.

En paralelo, púxose en marcha a gravación dun disco con esas pezas, pola Real Filharmonía de Galicia, con Maximino Zumalave como director. Precisamente a peza de Arriola que soará no concerto do xoves tamén será gravada para formar parte deste disco.

Pepito Arriola

José Rodríguez Carballeira (1895-1954), máis coñecido como Pepito Arriola, foi un recoñecido pianista de orixe ferrolá, pero cuxa vida transcorreu principalmente fóra de Galicia. Famoso pola súa condición de neno prodixio que ofrecía concertos dende os 4 anos de idade, tivo como mecenas á familia real e a propia raíña María Cristina sufragou os gastos dos estudos musicais de Arriola en Alemaña. Alí estudia no conservatorio de Berlín con Richard Strauss e toca coa Filharmónica desa cidade baixo a dirección de Nikisch.

Continúa a desenvolver o seu traballo artístico e chegou a ser pianista do último káiser, Guillermo II. Dende alí deu o salto aos Estados Unidos, onde ofreceu concertos nas principais salas, como o Carnegie Hall de Nova York, e realizou unha extensa xira por Cuba en 1910.

En paralelo á súa faceta de pianista desenvolveu un labor de compositor, bastante descoñecida ata hoxe. Os estudosos sospeitan que o groso do seu traballo como compositor perdeuse durante os bombardeos de Berlín durante a Segunda Guerra Mundial. Non obstante, grazas ao achado casual destas partituras en Ferrol, podemos recuperar parte da creación artística de Arriola que, desta maneira, redescúbrese, non só como un precoz e extraordinario pianista, senón tamén como un dos mellores compositores galegos do século XX.

Toda a información do concerto e as notas ao programa están dispoñibles nas webs da Real Filharmonía e do Auditorio de Galicia .

Compartir: