URBANISMO

Os beneficios de Emuvissa medraron un 7% en 2010 e chegaron aos 422.000 euros

30/03/2011 O Consello de Administración de Emuvissa, presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acordou formular as súas contas anuais correspondentes ao exercicio do 2010. A sociedade presentou un resultado final, despois de impostos, cun beneficio de 421.849,98 euros.

No relativo ao seu patrimonio, a empresa municipal acadou un incremento no seu balance de situación de case un 7%, pasando de 63 a 67 millóns de euros. A base deste crecemento foi o aumento de existencias de promoción en curso nos novos solos que están a desenvolverse na cidade para vivenda protexida: Pontepedriña, Tras Paxonal e A Muíña, en fase de remate na actualidade, e Castiñeiriño/ Lamas de Abade, en execución.

A sociedade, que se autofinancia, presenta un notable equilibrio financeiro. Así se reflicte nun fondo de manobra positivo e superior aos 4,5 millóns de euros.

A nivel de execución das súas previsións, Emuvissa acadou o 74% a nivel de ingresos e un 72% a nivel de gasto. Pero superou o 100% (105%), tendo en conta que, por motivos de tramitación, non puideron iniciarse ao longo de 2010 as actuacións por cooperación nos solos industriais de Costa Vella e Formarís.

No ano 2010 Emuvissa rematou dúas actuacións encomendadas polo Concello: a rehabilitación do edificio sito na rúa do Medio 65, acollido ao Programa de Edificios tutelados e que está en explotación para aluguer dende xullo, e o remate das obras do polígono residencial nº1 do SUP 2 de Cornes.

Tamén no ano 2010, Emuvissa continuou coas obras de urbanización en 30 hectáreas (296.774 metros cadrados) da cidade, con capacidade para 1.783 vivendas, das cales un 81,3% (1.449) son vivendas de protección e máis do 60% están en construción.

Emuvissa remata o exercicio do 2010 con beneficio, sen risco de liquidez e sen débedas con entidades de crédito. O seu nivel de actividade é moi elevado, xa que está a urbanizar máis de 30 hectáreas de solo na cidade e a coordinar a execución destas obras con máis de 800 vivendas de protección en construción.

Novo concurso e adxudicación de parcela
O Consello de Administración tamén aprobou o prego de bases para un novo concurso de alleamento das parcelas UER-2, UER-5 e V1.2 do SUNP-5 da Muíña; das parcelas M2 E M8 do SUP-7 de Pontepedriña II; das parcelas ER1 E ER7 do SUNP-14 de Tras Paxonal; e da parcela 16 D-E-F-G do SUNP-22 de Castro de Abaixo.

As seis parcelas para vivenda colectiva e as cinco destinadas a vivendas unifamiliares supoñen unha superficie total de 11.383 metros cadrados, cunha edificabilidade residencial de 27.113 metros cadrados e terciaria de 2.215. Estas parcelas teñen capacidade para 244 vivendas de protección e unha libre. O valor total do concurso é de case sete millóns de euros (6.985.000).

Por outra banda, adxudicouse a parcela BA 1 de Tras Castiñeiriño a Antonio López Landeira polo prezo de 250.000 euros para vivendas de protección en réxime de aluguer. A parcela ten unha superficie de 610 metros cadrados e unha edificabilidade residencial de 1.406 metros cadrados.

Compartir: