EDUCACIÓN

O ilustrador Pablo Otero achega a arte aos máis cativos nas escolas infantís

29/03/2011 A XI Campaña Municipal de Animación á Lectura, organizada pola Concellería de Educación e Kalandraka Editora, programou para o sábado 2 de abril unha sesión de contos para bebés coincidindo co Día Internacional do Libro Infantil.

A XI Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago chegou esta semana ás escolas infantís. O ilustrador Pablo Otero xa visitou os centros de Conxo e de San Roque para converter os seus alumnos e alumnas nos protagonistas dun circo moi especial: o Circus Conxo e Circus San Roque. Na liña da imaxe circense desta campaña, co lema "Contando e cantando coa Familia C", Pablo Otero propúxolles aos nenos e nenas elaborar un mural colectivo a base de elementos adhesivos de cores e formas diferentes que foron pegando nas súas respectivas fotografías, creando una composición orixinal e divertida que vai quedar ocupando un lugar destacado na propia escola.

Tralo paso de Pablo Otero polas escolas infantís de Conxo e de San Roque, seguiralle o mércores a visita á de Fontiñas, para rematar o xoves 31 na Escola Infantil do Polígono do Tambre, e o venres 1 de abril na de Trasparlamento. Trátase dunha experiencia moi interesante e enriquecedora para os nenos e nenas desa idade tan temperá, que se achegan de forma incipiente á arte e comezan a espertar a súa creatividade. Tamén para os educadores destes centros supón unha fonte de ideas para continuar desenvolvendo actividades que potencien a imaxinación dos escolares.

Pablo Otero (Ourense, 1970) estudou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa obra exponse en museos e salas de toda Galicia. Ilustrou varios álbums infantís, entre os que destacan Mateo (finalista do Premio Llibreter) e O príncipe das sombras, ademais do libro ABCdiario, do que tamén é autor; os tres editados por Kalandraka. Como artista multidisciplinar, outra das súas facetas céntrase na elaboración de escenografías para montaxes teatrais, polo que foi galardoado nos Premios María Casares e no Festival Fetén. Tamén foi finalista do Premio Lazarillo de Ilustración.

Sesión para bebés
Coincidindo co Día Internacional do Libro Infantil, o sábado 2 de abril, na Galería Sargadelos, a partir das 11:00 e das 12:00 horas, celebraranse dúas sesións de contacontos para bebés de cero a tres anos de idade. Co lema "Do berce á lúa", estas sesións especiais combinan a narración de contos sinxelos coa interpretación de cantigas tradicionais, arrolos e retrousos que as envolven dun clima cálido e acolledor ao longo dos 30 minutos que dura cada unha.

Os pais e nais que acoden cos seus meniños e meniñas reciben asesoramento personalizado sobre as propostas de lectura máis acordes para cada etapa do crecemento. O aforo desta actividade é limitado, polo que, para asistir, cómpre reservar praza no Departamento de Educación do Concello de Santiago.

Compartir: