TURISMO

Distinción de calidade turística para 148 empresas e servizos composteláns

29/03/2011 A Mesa de Calidade Turística de Santiago entregará o mércores 30 de marzo os distintivos SICTED ás 148 empresas e profesionais do sector turístico que aprobaron a avaliación de calidade. A cifra de distincións sitúa a Compostela como o terceiro destino con máis distinguidos, por detrás de Xixón e Lanzarote.

O acto de entrega das 148 distincións de calidade ao sector turístico compostelán terá lugar na sala de conferencias do Centro Social Novacaixagalicia, ás 20:30 horas, coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e do concelleiro de Promoción Económica e Turismo e presidente da Mesa de Calidade Turística, Xosé Manuel Iglesias.

Con esta cifra de distincións, o sector turístico compostelán continúa amosando o seu compromiso coa calidade, xa que é o terceiro destino con maior número de distincións deste sistema estatal de calidade turística avalado pola Secretaría Xeral de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias, tras Xixón e Lanzarote.

O listado de empresas que reciben a súa distinción inclúe a 55 comercios, 25 guías turísticos, 29 hoteis, 15 restaurantes, 4 axencias de viaxe, 7 casas rurais, 2 museos, 4 organizadores de congresos, 2 cafeterías, 1 servizo turístico de saúde, o Santiago de Compostela Convention Bureau, a oficina de Turismo de Santiago, o Santiago de Compostela Film Commission e o Tren Turístico.

A Mesa de Calidade compostelá aprobou en novembro os informes de avaliación de 148 empresas e profesionais da cidade que decidiron adherirse voluntariamente ao SICTED e obter o seu distintivo, cumprindo numerosos requirimentos en materia de organización, persoal, instalacións e equipamentos, comercialización, satisfacción do cliente, xestión mediambiental e riscos laborais, entre outros.

A Mesa de Calidade ten como membros ao Concello de Santiago, a Cámara de Comercio, a Asociación Hostalería Compostela, a área de Calidade de Turgalicia, a Asociación de Axencias de Viaxe Españolas de Galicia, Compostela Monumental, Acotés, o Santiago de Compostela Convention Bureau, a Asociación Compostelá de Taxis, a Fundación Santiago Centro e a Asociación de Axencias de Viaxe de Galicia.

Agora ábrese o prazo para todos aqueles establecementos que se queiran adherir ao proxecto de calidade turística SICTED.

Compartir: