XUNTA DE GOBERNO

Os estacionamentos de borde de Santa Marta e Salgueiriños manterán as mesmas tarifas

29/03/2011 Nunha nova sesión ordinaria da Xunta de Goberno aprobouse a actualización das tarifas dos estacionamentos xestionados por TUSSA. Tamén se acordou a prórroga dos contratos de dúas actuacións, a da rúa San Clemente e a de implantación dun portal de contratación electrónica.

A actualización das tarifas dos aparcadoiros de Xoán XXIII e Belvís prodúcese conforme á suba do IPC interanual no mes de novembro (2,3%). No caso da darse de autobuses de Xoán XXIII e dos estacionamentos de borde de Santa Marta e Salgueiriños, as tarifas permanecen conxeladas.

A modo de exemplo, media hora no estacionamento de Belvís terá un custo de 0,47 euros, pólos 0,89 da hora e 1,64 das dúas horas. En Xoán XXIII, serán 0,60 euros a media hora, 1,20 a hora e 2,41 as días horas.

En Salgueiriños e Santa Marta mantense a tarifa diaria de 1,50 euros para os turismos. Cómpre lembrar que en Salgueiriños tamén hai tarifas para autocaravanas (3 euros); autobuses, microbuses e camións (5 euros) e unha reducida para autobuses que proveñan da dársena de Xoán XXIII (2 euros).

Prorrogas e modificación
Por outra parte, acordouse a prorroga do prazo do contrato para a execución das obras de reurbanización da rúa San Clemente (2º tramo - acondicionamento da fonte e tapas de instalacións eléctricas) que finalizaba o 30 de xaneiro de 2011, ata o 20 de abril de 2011, unha vez recibida a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Eméndanse así os defectos formais observados na tramitación administrativa e valídanse as actuacións ata o momento realizadas.

Tamén se prorroga o contrato de implantación dun portal de contratación pública electrónica polo prazo de dous meses, ata o 31 de maio de 2011. Esta obra está incluída no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FEESL 2010).

No eido medioambiental, aprobouse a modificación puntual do proxecto de restauración do río Sarela e Ponte de Asén. O cambio non supón ningún cambio na contía do orzamento total previsto (92.530 euros), nin nos prazos de execución da obra. Esta actuación está incluída no programa Urbana Santiago Norte, financiado con Fondos FEDER.

Centros Socioculturais
Finalmente, a proposta da concelleira de Centros Socioculturais, deuse o visto bo a un gasto de 25.000 euros destinado á área de xogo prevista na Rede de Centros Socioculturais para o ano 2011.

Documentos relacionados



Compartir: