MEDIO AMBIENTE

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela abrirá as súas portas en abril

28/03/2011 "Achegar á cidadanía e nomeadamente á poboación escolar, o funcionamento da cidade dende a perspectiva ambiental será o obxectivo fundamental do novo Centro de Interpretación Ambiental de Compostela". Con estas palabras resumiu a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, as funcións que este equipamento situado no parque de Belvís desenvolverá a partires do mes de abril.

A edil indicou tamén que "dende o CIAC procuraremos unha maior implicación da sociedade na prevención e solución dos problemas ambientais da cidade". A súa vocación é servir de foco de atención para logo ampliar e diversificar a actividade a puntos de interese ambiental, chámese espazos verdes, estacións de tratamento da auga ou visitas polo medio construído". Unha actividade que "se desenvolverá no propio centro a partir da exposición permanente e que se completará con outras actividades: obradoiros ou xornadas a realizar no propio Centro ou no parque no que se atopa", engadiu.

Aínda que o público obxectivo ao que está dirixido é a cidadanía no seu conxunto, incluíndo as persoas que visitan a cidade, a concelleira explicou que "entendemos que será especialmente utilizado polo poboación escolar, de Santiago ou de fóra, que encontrará no Centro unha visión complementaria á que ten nas aulas; pero tamén haberá de desenvolver actividades para a veciñanza en xeral e para colectivos específicos: persoal técnico, profesorado…".

Unha visión ambiental da cidade
Tradicionalmente os centros de interpretación sitúanse en espazos de interese natural e procuran o coñecemento, a sensibilización, a mellora dos comportamentos en relación ao medio e a súa biodiversidade. O CIAC pretende achegar a unha visión da cidade como concentración humana que ocupa espazo para vivir e traballar e que extrae do medio circundante materia e enerxía, que transforma e utiliza xerando residuos e deteriorando o medio circundante. O medio natural, tanto de dentro como de fóra da área urbana, e a súa biodiversidade serán tamén protagonistas dos contidos deste novo centro.

O centro ocupa parte dos edificios dun antigo curtidoiro, no Parque de Belvís, e está distribuído en dous andares, contendo unha interesante exposición permanente e interactiva. Ao acceder ao centro na zona de recepción infórmase sobre o pasado do edificio e, ademais, pódese visionar un breve vídeo que sintetiza os contidos do interior. Xa nas primeiras das salas, a auga e a enerxía son as protagonistas.

No andar superior, o centro de atención pasa a ser a cidade transformadora e xeradora de produtos e servizos, e de produción e xestión de residuos. Hai salas destinadas á calidade de vida e á comunicación e unha dedicada á biodiversidade. En todas hai material expositivo fixo e equipamento interactivo con pantallas táctiles, con opcións para distintos niveis de formación e opcións de idioma: galego, español, inglés, e outros elementos para explorar e aprender.

O Centro conta tamén cunha sala polivalente para a realización de distintas actividades, unida ao edificio principal por un patio descuberto, sala que xa leva en uso varios meses, desenvolvéndose nela un curso, en colaboración co CSC A Trisca, que baixo a denominación de "mañás creativas" ten a natureza do contorno como protagonista. Complétase o equipamento con pequenas pozas no exterior, onde medrarán plantas e pequenos animais.

O CIAC estará aberto de martes a sábado: os martes en horario de tarde o resto dos días en horario de mañá. Faranse visitas para grupos, adaptadas ás características dos visitantes, para as que se debe concertar cita previa, e distintas actividades, algunhas nas instalacións do propio centro e outras no parque. O Centro servirá tamén para facilitar información sobre outras actividades de educación ou interpretación ambiental.

Compartir: