ALCALDÍA

Os veciños difrutan xa das amplas beirarrúas e do novo alumeado da rúa Arzúa

26/03/2011 A remodelada rúa Arzúa (A Almáciga) foi visitada polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado polo concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama. A intervención neste vieiro, financiada a cargo do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FEESL 2010), permitiu unha mellora das beirarrúas, a renovación das instalacións de alumeado público e a mellora da seguridade viaria e da mobilidade.

A obra supuxo a reurbanización dunha superficie de 1.700 metros cadrados da rúa Arzúa, dende a interesección coa rúa Tras Santa Clara ata a travesía dos Basquiños. Destaca a restrición da circulación a un só sentido a través da calzada de 3,50 metros de ancho. Polo tanto, incrementouse a zona de beirarrúas, deixándoas cun ancho medio de 2,50 metros na marxe dereita e de 2,30 metros na esquerda.

A zona de estacionamento ten un ancho de 2,25 metros. O espazo reservado para este fin (30 prazas) é similar ao que xa existía. Unicamente se restou a zona destinada a carga e descarga e ao colector do lixo.

En canto ao alumeado, redefiniuse o existente, anclado ás fachadas, instalando nove puntos de luz con lámparas led e postes de aceiro na beirarrúa, parecidos aos colocados na rúa Tras Santa Clara.

A intervención tamén permitiu a instalación de colectores soterrados, papeleiras e un banco. As redes de saneamento e abastecemento foron renovadas. Finalmente, soterráronse cables eléctricos e de comunicacións, e prolongouse a rede de gas.

Compartir: