ALCALDÍA

O Concello incrementa o valor ambiental e social do Monte de Deus

26/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, xunto coa concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, visitou a segunda fase da actuación realizada no Monte de Deus, incluída na iniciativa Urbana Santiago Norte, financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O obxectivo desta intervención era acrecentar o valor ambiental e social deste espazo natural, dende o que se teñen magníficas vistas sobre a cidade. O Monte de Deus é unha parcela pública duns 30.000 metros cadrados situada en Vite de Arriba, dividida en dúas zonas por unha pista asfaltada. Despois de ter acondicionado a zona inferior nunha fase anterior agora actuouse sobre a zona superior ata a cima do monte, a 375 metros de altitude. Parte do arborado foi substituído por exemplares de frondosas de especies como carballos, castiñeiros, faias ou cerdeiras.

Alén da nova vexetación, na actuación tamén se aproveitaron as depresións producidas pola extracción da pedra para conformar zonas húmidas, con vexetación propia que sirvan de acubillo e alimento aos animais. Tamén se estableceu un camiño en zigzag, cun percorrido duns 700 metros que chega ata a cima, onde se situou unha atalaia, observatorio sobre a cidade e a comarca de Compostela.

O resultado final, unha vez rematen os últimos traballos, será un espazo cambiante cun acrecentado valor paisaxístico, recreativo, ambiental e social, un espazo público na periferia dunha zona residencial de densidade media na que se combinan as novas edificacións co antigo núcleo de Vite de Arriba.

Compartir: