ALCALDÍA

O novo pavillón de Fontiñas incorpora a escalada á oferta deportiva da cidade

26/03/2011 A cidade dispón xa dun novo equipamento polideportivo a carón do IES Antón Fraguas, en Fontiñas. O novo pavillón foi inaugurado nun acto ao que asistiu o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

O novo polideportivo, construído nunha parcela municipal e financiado nun terzo polo Concello e nos dous terzos restantes pola Xunta, conta cunha pista regulamentaria para distintos deportes, tales como fútbol sala, patinaxe, baloncesto ou voleibol. Está realizada en tarima de madeira flotante de competición.

Unha das novidades deste equipamento é que incorpora un rocódromo de nivel 5, co que se quere potenciar o deporte da escalada. A instalación está situada fronte á grada, que ten capacidade para unhas 300 persoas. Ademais, deixáronse catro nichos para futuras instalacións futuras e para facilitar distintos deportes ao mesmo tempo.

Dispón tamén de cuatro vestiarios para equipos e dous para árbitros e aseos a nivel de gradas. O local de enfermería, dous locais de usos múltiples e un espazo de uso aínda por definir están situados a nivel da entrada. Vólcanse sobre un corredor que fai as veces de balconada sobre a pista en planta alta, comunicado mediante un ascensor co nivel de gradas e a través dunha rampla co nivel de pista.

En canto á situación topográfica do pavillón, de leste a oeste ascende un sendeiro xunto ao muro do instituto que salva un desnivel de seis metros, quedando as entradas, principal e secundaria, na súa parte alta. Deste xeito, concibiuse o edificio como un zócalo do conxunto, como unha praza con teito incrustada na ladeira, na que a cuberta, ao tempo que resgarda das inclemencias do tempo, pasa a ser paisaxe das vivendas que constituén a mazá.

Esta cuberta, vexetal en parte e terrosa (arlita) no resto, está fraccionada por unha secuencia de cerchas que, metade dentro do edificio, metade fóra, proporcionan escala á superficie da misma, ao tiempo que permiten unha lixeira entrada de luz na pista polo día e unha pequena iluminación para os veciños pola noite.

Antes do acto inaugural, as autoridades puideron asistir ao final dun partido de baloncesto disputado pola A.D. Fontiñas. Tras as diferentes intervencións, o Club de Patinaxe Fontiñas realizou unha exhibición.

Documentos relacionados



Compartir: