MEDIO AMBIENTE

Santiago súmase á "Hora do Planeta" apagando o alumeado público en varias localizacións da cidade

25/03/2011 A Concellería do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable fai un chamamento aos veciños de Santiago para que mañá sábado, 26 de marzo, ás 20:30 horas, se sumen á Hora do Planeta, unha iniciativa coa que quere amosar o compromiso local cun cambio global en beneficio do medio ambiente. No marco desta iniciativa, cidadanía, empresas, institucións e gobernos de todo o mundo apagarán as súas luces durante unha hora como chamada de acción na loita contra o cambio climático.

A Concellaría colabora un ano máis na difusión de A Hora do Planeta entre os veciños de Santiago de Compostela. Á convocatoria deste ano xa se uniron máis de 1.500 cidades de todo o mundo. Nela proponse, entre outras accións, identificar e apagar as luces dos edificios máis emblemáticos da cidade, adoptar outras medidas voluntarias de redución de emisións e, finalmente, difundir as accións e o chamamento entre os veciños para que se sumen á proposta. A inscrición da cidade en A Hora do Planeta completa as accións posibles.

O Concello de Santiago de Compostela apagará o alumeado público en:
• Catedral de Santiago
• Pazo de Raxoi (Concello)
• Praza do Obradoiro
• Igrexa de San Francisco
• Igrexa de San Martín Pinario
• Casa do Deán
• Igrexa de San Miguel
• Convento-igrexa de San Agustín
• Parque das Cancelas

A Hora do Planeta, que dende 2008 xunta accións destinadas a mostrar un compromiso global contra o cambio climático, xa se propuxo a persoas e organizacións de todo o mundo cunha chamada a "escurecer" o planeta durante unha hora. A iniciativa, que arrincou en Sydney en 2007, cando 2,2 millóns de persoas apagaron as luces nun acto reivindicativo contra o cambio climático, xa permitiu, en anos posteriores, deixar ás escuras lugares tan emblemáticos como a Porta de Brandenburgo, a Cidade Prohibida de Pekín ou as Pirámides de Giza.

A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, lembra que, segundo queda recollido na proposta dos organizadores para a convocatoria deste ano, os Concellos son "a columna vertebral da Hora do Planeta e, en consecuencia, invítase a estes a asinar a adhesión e a compartir "as accións positivas que propón o teu municipio para ir máis aló da Hora".

Outra iniciativa é a de sumarse ao compromiso 60+ con accións concretas no fogar, no traballo ou na vida diaria. O compromiso queda rubricado cunha firma que tamén se cumprimenta na web www.wwf.es.

Compartir: