ALCALDÍA

A Escola de Salgueiriños permitirá a Santiago superar os estándares europeos de escolarización infantil pública

25/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, visitaron as obras Escola Infantil Municipal de Salgueiriños, proxecto incluído no programa Urbana Santiago Norte, que conta cunha achega do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Situada na rúa do Lavadoiro, este equipamento dará cabida a un máximo 123 alumnos, converténdose na escola infantil de maior tamaño coa que contará a cidade. Entrará en funcionamento no vindeiro curso. O orzamento final da obra sitúase preto do millón de euros.

Tal como apuntou o alcalde, "esta será a escola infantil número oito da cidade, coa que se superarán todos os estándares recomendados pola Unión Europea de escolarización infantil pública, fixados en 30 prazas públicas por cada 100 nenos". Cre que, con este centro e o do polígono do Tambre, "quedará ben cuberta esta zona", recordando que a prioridade de acceso "está marcada pola normativa da Xunta e inclúe tanto aos que teñen residencia como os que traballan na zona". Para a vindeira lexislatura, considera necesario "reforzar as zonas do Castiñeiriño e Santa Marta".

123 alumnos
O edificio da Escola Infantil de Salgueiriños está concibido coma unha locomotora cos diferentes cubos-vagóns que representan o percurso escolar, segundo apuntou o arquitecto, Alfredo Varela. Poderá acoller ata 123 alumnos, distribuídos en tres unidades para nenos de 0 a 1 anos (24 alumnos), tres de 1 a 2 anos (39 alumnos) e outras tres de 2 a 3 anos (60 alumnos).

Destacou o arquitecto as dúas escalas do edificio, unha para o profesorado e outra para os pequenos, cada unha coas súas portas ás súas escalas e cun sistema de acceso a través dunhas ramplas. Os vagóns das aulas rodean o gran patio central, "permitindo que o profesorado poida ver todas as aulas dende calquera posición", engadiu.

Cando abra, a Escola acollerá os nenos e nenas en xornada completa e de mañá ou tarde. Terá servizo de comedor, dende o que se ofrecerá o xantar ou a merenda. Tamén ofrecerá un horario ampliado de 14:00 a 16:00 horas para os non usuarios do comedor pero que permanecen no centro logo de rematar a xornada de mañá.

Compartir: