ALCALDÍA

O alcalde denuncia o maltrato da Consellería de Educación en relación á Escola Oficial de Idiomas e á Escola de Hostalería

25/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, cualificou como "grave" a actual situación da Escola Oficial de Idiomas (EOI) e denunciou a falta de compromiso orzamentario da Consellería de Educación para a construción dun novo edificio para a mesma. Do mesmo xeito, lamentou o "maltrato" do mesmo organismo autonómico respecto ao recoñecemento da titulación oficial para a Escola de Hostalería.

Sánchez Bugallo aludiu á "falsidade" de acusar ao Concello de non ceder a parcela para a nova Escola, recordando que se ofrecera unha parcela na avenida de Bilbao de 5.000 metros cadrados, pero "a Xunta nunca solicitou a cesión". Non obstante, reiterou o ofrecemento de cesión inmediata desta parcela ou da que consideraran oportuna.

"O problema –dixo o alcalde- é que nos orzamentos da Xunta non hai ningunha previsión orzamentaria para a nova Escola Oficial de Idiomas". De feito, o propio Sánchez Bugallo afirmou ter emprazado non menos de tres veces ao conselleiro de Educación a que solicitar a parcela. "Pero el a única posibilidade que ofrece é a de ampliar o edificio existente de Vite, unha solución que consideramos a todas luces insuficiente para atender a demanda que hai hoxe".

Para contextualizar a situación da Escola Oficial de Idiomas, indicou que fora concibida para albergar 1.200 alumnos, cando no último curso acollía máis de 5.000 alumnos. O alcalde apuntou que "non só non se poden implantar novos idiomas con demanda como o chinés, o xaponés ou o árabe, senón que, por exemplo, de 2.251 solicitudes presentadas no último curso para inglés, só se puideron atender 1.102 e 1.149 alumnos quedaron fóra". "Hoxe hai 14 aulas, a base de aproveitar espazos, e farían falta preto de 40 aulas", engadiu.

Sobre estas cuestións o alcalde falou nesta mesma xornada coa directora da Escola Oficial de Idiomas, Esperanza Moreiras. Ademais, estas reivindicacións serán recollidas nunha moción que se presentará no Pleno ordinario de marzo.

Escola de Hostalería
Como "escandalosa" cualificou o rexedor municipal o non recoñecemento no Parlamento autonómico da titulación da Escola de Hostalería. Así, indicou que "non hai xustificación nin explicación económica" e que non se legaliza a titulación "por intereses puramente caciquís e locais", porque "se pensa que iso pode devaluar a titulación recoñecida noutro lugar".

Sánchez Bugallo insistiu na contradición que supón que a Xunta "non recoñeza legalmente a titulación dun centro do que é titular". Neste sentido, lembrou que a Escola de Hostalería é un centro que goza dun "enorme prestixio nacional e internacional", que é propiedade da Comunidade Autónoma e que o peso fundamental da súa xestión recae en Turgalicia.

A falta de recoñecemento legal da Xunta á titulación da Escola, escenificada nun debate parlamentario nesta semana, obriga, segundo recalcou, a que "hoxe moitos alumnos se teñan que matricular noutros lugares para obter unha titulación".

Decreto de zonas saturadas
Na súa rolda de prensa semanal, Sánchez Bugallo tamén falou do Decreto de zonas saturadas, xa publicado e sobre o cal xa se remitiron tamén as notificacións. Recordou este aspecto porque a sentenza de finais de decembro baseábase en que "toda a tramitación tiña que estar realizada en tres meses".

O novo decreto incorpora como zonas saturadas as rúas Raíña, San Bieito, Algalia de Abaixo, Travesa, Ramón Cabanillas e Santiago de Chile. Tamén se abre o procedemento para determinar se deben tamén recibir esta cualificación a rúa Concepción Arenal e as prazas de Feixóo e de San Martiño Pinario.

Ordenanza de terrazas
Ao mesmo tempo, o Concello traballa na elaboración dunha ordenanza de terrazas, que atenderá as novas circunstancias xurdidas nos últimos meses, como a entrada en vigor da Lei Antitabaco. Así, a ordenanza recollerá a posibilidade instalar calefactores nas terrazas nuns horarios delimitados.

O borrador da ordenanza será remitido ás asociacións para que acheguen as súas consideracións. Logo será remitido ao Pleno de abril, ou de non chegar a tempo, xa ao de xuño.

Plan Parcial de Brañas de Sar
Outro dos temas aos que se referiu o alcalde foi a próxima aprobación definitiva en Pleno do Plan Parcial de Brañas de Sar. O documento, indicou, "fixa a plena protección deste espazo e transfórmao nun parque natural, marcando a súa recuperación medioambiental para o uso e disfrute de todos os composteláns". Tamén destacou que dá o paso para articular a Cidade da Cultura dentro da Cidade e para a construción do Centro de Ciencias do Patrimonio, o único edificio que se levantará neste espazo". Ademais, o actual campo de fútbol de Sar, agora en perpendicular, situarase en paralelo ao río para reducir a presión sobre o mesmo.

Será agora o Consorcio de Santiago o que asuma a recuperación deste espazo. O alcalde confía en que en 2012, o órgano interadministrativo poida adquirir a primeira parte dos aproximadamente 330.000 metros cadrados do parque pendentes. Neste sentido, recordou que o Concello xa ten 127.000 metros cadrados en propiedade.

Recuperación dos voos internacionais
Sánchez Bugallo tamén valorou a recuperación a partir do 27 de marzo dos voos internacionais en Lavacolla: "Os case 90 días que estivemos sen estes voos foron a demostración práctica para aqueles que dicían que non tiña repercusión sobre o turismo. Que llo pregunten á hostalería, que bateu marcas negativas de ocupación". Coa volta das conexións internacionais, confían nunha "volta á normalidade".

Transporte urbano ao polígono do Tambre
Finalmente e preguntado polos xornalistas sobre a sentenza xudicial relativa á liña do transporte urbano entre a cidade e o polígono do Tambre, o alcalde non descartou o recurso, pero "estamos vendo o alcance da sentenza". Así, entende que "non afecta á conexión co polígono, senón máis ben a zonas próximas como Son". En calquera caso, indicou que se falará coa concesionaria denunciante, xa que esta "tamén está incumprindo a lei en determinado recorrido para o que non están autorizados", en alusión a unha parada no Hospital Clínico. Para Sánchez Bugallo, estas e outras sentenzas deste tipo "parten dunha Lei de Transporte feita a medida dos concesionarios e non do servizo público aos cidadáns".

Compartir: