EDUCACIÓN

As grandes cidades galegas piden un plan de modernización de centros educativos e a redefinición do modelo de educación infantil

24/03/2011 Máis de 200 representantes políticos e técnicos de concellos de Galicia abordaron na I Xornada Técnica sobre Concellos e Educación en Galicia: O Proxecto Cotiá da Cidade Educadora celebrada no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago, un debate que hai uns meses foi iniciado por un grupo de traballo integrado polas sete cidades con maior poboación de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Vigo e Santiago. O seu obxecto era crear un espazo estable de reflexión e de acción conxunta arredor de diferentes temas educativos que se consideran obxecto dunha mesma preocupación.

As conclusións destas xornadas van marcar a axenda política dos sete grandes concellos, agardando que de maneira progresiva sexa compartida co maior número de corporacións locais de Galicia. Sobre a base de que a educación é unha materia de evidente interese local e o grado actual de competencias dos municipios galegos nesta materia é insuficiente, constituíronse as catro comisións de traballo.

A primeira xirou en torno á rede de educación infantil de 0 a 3 anos. Nesta comisión contouse coa presenza de Vicenç Arnaiz Sancho, director do Equipo de Atención Temperá de Menorca, na que se definiu a práctica municipal nos servizos para a primeira infancia, os criterios de calidade na prestación do servizo das escolas infantís e o modelo idóneo de organización e distribución competencial na ordenación desta etapa educativa, especialmente na súa construcción, financiamento e xestión. Recalcouse especialmente a necesidade de traspasar as competencias desta etapa de educación infantil a un único órgano xestor como a Consellería de Educación e a redefinición dun modelo de educación infantil 0-3 en Galicia, dende a organización dunha única rede pública.

No grupo sobre escolas municipais de música e artes escénicas, a participación da Universidade de Limerick (Irlanda), da Asociación Catalana de Escolas de Música e do Concello de Barcelona permitiu a análise dos diferentes modelos de xestión, financiamento e funcionamento das escolas de música e artes escénicas. Cómpre salientar a importancia de iniciar novos camiños e novos modelos na educación musical en Galicia, que atendan ás novas necesidades de formación musical.

Falando das obrigas municipais sobre obras de conservación, reparación e mantemento en centros de ensino, a experiencia da Comunidade Autónoma de Andalucía, cos plans "Mejor Escuela" e "Esfuerza" favoreceu o debate arredor das competencias municipais en materia educativa; o marco de colaboración establecido entre as administracións andaluzas e o esforzo común pola calidade da ensinanza nesta Comunidade. Púxose de manifesto a urxencia da elaboración por parte da Xunta de Galicia como administración educativa competente dun marco estable de colaboración que dea resposta ás reiteradas solicitudes dos concellos para contar cun plan de modernización da infraestrutura educativa.

Tamén se falou do programa de apertura de centros escolares fóra do horario lectivo. A Universidade Pompeu Fabra e o Concello de Lleida foron os responsables de contextualizar o marco legal da utilización dos espazos escolares fóra do horario lectivo no ámbito catalán e o tratamento xurídico que se aplica ao uso social dos centros escolares, os modelos de xestión, as vías de financiamento á administración local e a definición dun modelo de boas prácticas.

No acto de inauguración, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Carlos Fernández, ademais de felicitarse polo traballo desenvolvido, quixo deixar constancia do descontento dos concellos e da FEGAMP respecto da falta de interlocución dende a Consellería de Educación respecto das diferentes cuestións que lle veñen preocupando aos concellos galegos concretados no exposto con anterioridade.

Nesta mesma dirección, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, reiterou a importancia de contar con proxectos educativos de cidade que dean resposta ás novas necesidades educativas dos cidadáns.

Compartir: