ALCALDÍA

Cruceiro do Gaio, redeseño urbano para xerar novos espazos e servizos

24/03/2011 Todo o ámbito do Cruceiro do Gaio amosa xa dende hai uns meses o seu novo aspecto urbano, tras unha intervención en varias fases que permitiu gañar novos espazos e conciliar o tráfico rodado co peonil. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou a zona acompañado pola concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, e tivo a ocasión de intercambiar impresións cos veciños sobre o resultado final da obra.

As obras no ámbito supuxeron a intervención nunha área de 2.807 metros cadrados. A última das fases afectou á costa do Cruceiro do Gaio. Aquí eliminouse o tránsito rodado de subida e acoutouse a zona de aparcamento, pasando da beira dereita -subindo a costa- a situarse na beira esquerda.

Tamén foi reformulado o patín que dá acceso ás vivendas, engadindo as ramplas e modificacións necesarias que garanten que todas as casas sexan agora accesibles. A intervención nesta zona supuxo un investimento de 906.823 euros.

Campo das Hortas
Con anterioridade xa se acometera a reformulación do Campo das Hortas, co novo acceso peonil cara o Carme de Abaixo. Renováronse as beirarrúas no cruce coas rúas do Pombal e Entregaleras cun novo pavimento de lousas de granito.

A nova estrutura do paso das Hortas ao Carme viuse continuada na transformación que sufriu a calzada do Carme de Abaixo, peonil ata o encontro coa rúa Travesa do Carme de Abaixo, evitando o aparcadoiro dos vehículos e mantendo a continuidade visual. No total nesta zona urbanizáronse 567 metros cadrados, cun custo de 231.940 euros.

Cruceiro do Gaio e Poza de Bar
Finalmente, na zona que corresponde co principio de Poza de Bar e coa rúa do Cruceiro do Gaio, a intervención tiña como obxectivo recuperar a memoria histórica do lugar, conciliar o tráfico peonil co rodado, mellorar a relación entre o espazo privado e o espazo público, clarificar os espazos e racionalizar a distribución das infraestruturas. Todo isto traduciuse nunha potenciación do espazo de transito ao Campo do Gaio. Nesta zona urbanizáronse 696 metros cadrados de rúa, cun orzamento de 231.833 euros.

Entre as características máis destacadas destes traballos hai que salientar a resolución do desnivel entre a rúa e os accesos ás vivendas por medio dunha banda continua de escaleiras e gradas, así como a translación do cruceiro á súa ubicación orixinal, servindo de referencia histórica e visual do barrio.

Compartir: