NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Normalización Lingüística anima os escolares composteláns a participar na última sesión do obradoiro "Canta música!"

24/03/2011 A Concellaría de Normalización Lingüística colabora coa Secretaría Xeral de Política Lingüística no desenvolvemento dos obradoiros de canto e xogos tradicionais denominados Canta música!, inseridos no programa Bocaberta, que promove o uso da lingua galega entre os máis novos a través de actividades relacionadas con diversas disciplinas. A últimas sesión da actividade, dunha hora de duración, terán lugar o sábado 26 de marzo, ás 12:00 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche.

A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, quere animar aos escolares composteláns a participar no Canta música!, actividade destinada a rapaces de catro a oito anos. A súa finalidade é a aprendizaxe de cancións infantís tradicionais, xogos relacionados con estas cancións e coa fala (como adiviñas, trabalinguas ou rimas), así como algunha melodía cantada acompañada dos ritmos básicos da nosa cultura musical, para o que se empregarán pandeiretas, cunchas, castañolas e outras percusións menores. Segundo avance o obradoiro, chegarase ata a música máis actual e cantaranse algunha das cancións do libro-disco de Pablo Díaz Tic-Tac.

O obradoiro será impartido por Pablo Díaz e Olga Kirk, dúas persoas cunha prolongada traxectoria no eido da música tradicional galega e no ensino da mesma. Anteriormente xa se celebraran dúas sesións deste obradoiro o 18 e o 29 de xaneiro.

Compartir: